A intervención conta cun prazo de execución de 18 meses e favorecerá a reordenación da rede viaria da vila, sendo necesaria para que a central térmica cumpra as exixencias europeas de emisións
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inicia esta semana as obras de construción da nova circunvalación das Pontes de García Rodríguez, adxudicadas por máis de 2,9 millóns de euros.
Esta intervención, que conta cun prazo de execución de 18 meses, prevé a reordenación do sistema viario do núcleo desta localidade coruñesa, necesaria para que a central térmica de Endesa se adapte e cumpra coas exixencias da Unión Europa sobre emisións industriais.
O proxecto ten por obxecto acometer a reordenación do sistema viario neste municipio coruñés, executando un novo vial de acceso ao núcleo que sirva como circunvalación ao casco urbano das Pontes de García Rodríguez, separando a área industrial da residencial, e mantendo ao mesmo tempo a conexión existente coa Autovía Ferrol – Vilalba (AG-64).
A nova estrada servirá de alternativa á actual AC-861, terá 985 m de lonxitude, e comunicará a AC-101 coa rúa Alcalde José Vilaboy Pajón. Contará con 3 glorietas, unha en cada extremo e outra intermedia como intersección coa rúa Areosa e a rúa de Acceso á Fábrica. Ademais, reordenarase outra intersección existente coa AC-101.
A actuación compleméntase cunha rede de sendas de máis de 2,4 km de lonxitude para facilitar a mobilidade peonil e ciclista, que se executará en paralelo ao novo vial e, tamén, en paralelo ao río Eume, polas dúas marxes do río, para conectar o novo vial e a AC-101 coas instalacións de Endesa.
Na intervención se inclúe tamén, a construción dun aparcadoiro disuasorio no entorno da Casa da Enerxía, na Avenida Alcalde Vilaboy, a remodelación do tramo inicial das rúas Areosa e Irmáns Tojeiro, e a reordenación da sección da ponte sobre o Eume da AC-861 (vía que quedará como entrada exclusiva á central térmica) para dar cabida á senda.
A adaptación da Central térmica de carbón á Directiva 2017/75/UE permitirá prolongar la vida útil da instalación e manter a actividade máis alá do ano 2020. O custe desta actuación será asumido na súa totalidade por Endesa Generación S.A., correspondendo á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade supervisar o trazado e a contratación das obras.