Friday 22 de November de 2024

O Concello de Noia continúa co seu plan de instalación de anclaxes de contedores de lixo, ao que se achegan 20.000 euros


 

O Concello de Noia continúa coa instalación de dispositivos de anclaxe e cerramento de contedores de lixo no municipio, un plan no que a Concellería de Medio Ambiente leva investidos case 20.000 euros no último ano. A concelleira Ángela Neri explica que “nestes días anclamos dous puntos de contedores de lixo nas rúas Perito San Basilio e San Breixo, e a nosa intención é seguir colocando máis anclaxes en distintos lugares de Noia durante as próximas semanas”.

A concelleira de Medio Ambiente sinala que “este tipo de suxeicións están tendo unha gran acollida entre a veciñanza, pois aseguran os contedores ao lugar e tamén evitan que poidan desprazarse accidentalmente no caso de vento ou temporal”. Os dispositivos instalados nas rúas Perito San Basilio e San Breixo constan dunha columna central na parte posterior do depósito que serve de fixación a unha barra de aceiro inoxidable en forma de “U” que recolle o contedor e evita o seu movemento.

Neri Arufe apunta que “estas dúas suxeicións únense ás realizadas en novembro na rúa Vista Fermosa e aos cerramentos que fixemos na avenida da Coruña, Espírito Santo, Pedra Santaña e Frai Lois Rodríguez. Unhas actuacións nas que levamos investidos preto de 20.000 euros e que imos continuar acometendo nas próximas semanas”.