A visita guiada e concertada previamente foi o servizo máis empregado
Un total de 1.800 persoas visitaron o poboado mineiro das minas de San Finx durante o ano 2018, realizando un percorrido guiado polas instalacións da man de Mayte Sobradelo, licenciada en historia e técnica municipal do Concello de Lousame. Unhas visitas nas que os presentes coñecen tanto a historia das minas como a súa evolución ao longo dos anos, así como o traballo realizado polo Concello de Lousame para rehabilitar e poñer en valor este patrimonio.
Estas 1.800 visitas supoñen un incremento do 20% sobre 2017, ano no que se rexistraran 1.510 visitas. O último trimestre do ano volveu ser, unha vez máis, o de maior afluencia de visitantes, sobre todo pola celebración de dous eventos como a II Andaina e Trail San Silvestre de Lousame e a tradicional festividade de Santa Bárbara.
“A media é duns 450 visitantes cada trimestre, salvo no primeiro trimestre do ano no que, pola propia climatoloxía, adoita ser algo menor”, explica Mayte Sobradelo. Aínda así, as 416 visitas rexistradas entre xaneiro e marzo case duplican as 210 persoas que visitaron o complexo en 2017. Un incremento que se xustifica pola incorporación dunha técnica de turismo ao Concello de Lousame, o que permitiu que durante ese trimestre o museo estivera aberto todos os días da semana.
A visita guiada foi o servizo de información máis empregado (case o 96% do total), se ben durante o primeiro trimestre tamén se fixeron 65 visitas sen facer reserva algunha. De feito, Sobradelo Creo puntualiza que “estamos falando de visitas guiadas e concertadas previamente, pois nesas 1.800 non están incluídas as persoas que se achegan ao poboado libremente”. Unha cifra que medrou este ano co gallo da apertura da cafetería-restaurante.
Ademais dun gran número de visitantes novos, procedentes dos distintos centros educativos da comarca ou fóra dela, as minas de San Finx tamén reciben numerosas visitas de grupos de sendeirismo (que a toman como principio ou fin da ruta que leva o seu nome).
Visitas guiadas
As visitas guiadas poden concertase chamando ao Concello de Lousame (981 820 494) e, aínda que se adaptan as dispoñibilidades de tempo do grupo, adoitan durar unha media de entre hora e hora e media. Durante ese tempo, o grupo recibe unha charla no centro de interpretación das minas de San Finx onde se proxectan diapositivas sobre a historia das minas e a importancia que a extracción de estaño e de volframio tivo para a comarca dende finais do século XIX ata despois da “febre do volframio”, na posguerra civil española.
Despois, o grupo adoita visitar o centro de interpretación das minas de San Finx, onde pode ver unha maqueta a escala das minas como distinta documentación e trebellos relacionados coa traballo das minas e coa época, dende o propio wolframio ata teléfonos antigos, peneiras, imaxes antigas… Ademais, os grupos visitan os distintos edificios do poboado mineiro (edificio de compresores, enganche eléctrico, armazón do pozo novo…) onde poden contemplar os equipos que se utilizaban na extracción do mineral, algúns deles en perfecto estado de uso como compresores, cabrestantes, forno de fundición de estaño, etc.