Friday 22 de November de 2024

Adxudicado provisionalmente o contrato da nova rúa que comunicará o pavillón municipal co Centro de Saúde de San Sadurniño


 

A empresa construtora José No Mantiñán e Hijos S.A. acaba de ser proposta como adxudicataria do contrato para levar adiante as obras de construción da rúa que unirá a cara sur do pavillón municipal coa rúa que pasa entre o Centro de Saúde e o Convento do Rosario. A Mesa de Contratación resolveu que sexa esta firma quen execute os traballos tras impoñerse na licitación a outras oito empresas cunha oferta económica de 67.595 euros, ive incluído, rebaixando en case 23.000 o tipo co que se convocou o procedemento aberto simplificado. Os traballos consistirán na apertura dun novo eixo de comunicación de 143 metros de lonxitude, 10 de ancho medio e a construción dunha pequena zona de aparcamento xusto diante do cemiterio parroquial. O proxecto busca mellorar a fluidez do tráfico e, ao tempo, virá completar a renovación da trama viaria do centro urbano de San Sadurniño. A proposta da mesa xa lle foi trasladada á Xunta de Goberno Local para que o contrato se faga efectivo nos próximos días.

A rúa prolongarase desde a esquina da centraliña telefónica que hai ao pé do Centro de Saúde ata a confluencia da vía sen saída que discorre paralela ao peche do colexio público, un punto onde habitualmente e sobre todo polas mañás se concentran tanto buses do transporte escolar como coches de nais e pais que levan a rapazada ao centro de ensino.

Desta maneira o tráfico rodado disporá dunha nova alternativa, coa que se pretende desconxestionar tanto a circulación que hai puntualmente ao pé do colexio como aquela que se ten dado nalgún momento nos arredores do Centro de Saúde.

A infraestrutura ocupará parte do aparcadoiro do centro médico, xusto diante do camposanto. Alí contruirase un muro de contención que despois irá recheo para recuperar así as prazas que se perden na actual zona de estacionamento inferior. Tanto esta ampliación da plataforma dianteira do cemiterio como o resto da rúa levarán firme aglomerado e a correspondente sinalización horizontal con división para dous carrís.
A rúa contará no lado dereito en sentido subida cunha beirarrúa con bordillo de 1,85 m. de ancho flanqueada por unha varanda, ademais de proteccións na curva que quedará diante do pavillón e no cabo do aparcadoiro. O proxecto complétase coa canalización de pluviais, un novo colector do saneamento e a preinstalación de tubaxes e arquetas para a iluminación pública.
A licitación publicouse a primeiros de novembro dentro das obras acollidas ao POS+ de 2018. A ela concorreron nove empresas con ofertas económicas entre os algo máis de 90.000 euros do tipo e os 67.595 da proposta máis reducida, a presentada por José No Mantiñán e Hijos Construcciones S.A., que finalmente resultou ser a máis vantaxosa. A Mesa de Contratación acordou trasladarlle a súa proposta á Xunta de Goberno Local para que se proceda a suscribir o contrato, para o que será necesario que a empresa achegue a documentación requirida nas bases da convocatoria pública.