Os traballos executaranse en dúas fases, de xeito que a metade da pista estea dispoñible en todo momento
O Concello de Brión manterá operativo o polideportivo municipal de Lamiño mentres duren as obras de substitución da cuberta, iniciadas o pasado venres. O alcalde de Brion, José Luís García, explica que “para reducir as molestias aos usuarios do pavillón, a empresa acometerá as obras de substitución da cuberta en dúas fases, de xeito que sempre haberá media pista dispoñible para a realización das actividades con total seguridade”.
García lamenta “as molestias que os traballos están supoñendo para as persoas que utilizan estas instalacións deportivas, pero estou convencido de que cando vexan o resultado final das obras coincidirán comigo en que pagou a pena xa que teremos un pavillón sen pingueiras, cunhas mellores temperaturas tanto en inverno coma no verán e cunha mellor acústica para a celebración de calquera actividade”.
A cuberta do polideportivo brionés é de chapa simple e ten unha antigüidade de 27 anos, polo que presenta problemas de filtracións. A empresa adxudicataria das obras, Mecano Obras y Reformas SL, procederá á retirada da totalidade da cuberta, así como doutros elementos (aireadores, canos e baixantes). No seu lugar instalarase unha nova cuberta de panel sandwich nervado, que inclúe illamento térmico, e novos canalóns e baixantes.
As obras executaranse en dúas fases, de xeito que a metade da pista estará sempre operativa e aillada da parte en obras. O Concello de Brión reforzará os traballos de limpeza e secado durante a duración das obras para que a pista estea nas mellores condicións posibles. Ademais, instalouse unha rede en toda a pista para garantir a seguridade dos usuarios.
As obras están incluídos no Plan de Obras e Servizos POS+2018 da Deputación Provincial da Coruña. Os traballos de substitución da envolvente exterior e de mellora das condicións térmicas e acústicas do polideportivo municipal de deportes de Brión contan cun orzamento de 180.620 euros. Aínda que o seu prazo de execución é dun mes, agárdase que estean rematados en quince días.