Saturday 16 de November de 2024

As empresas xa poden presentar ofertas para mellorar a accesibilidade do recinto feiral de Moeche


Tan só uns días despois de suscribir o convenio económico coa Deputación da Coruña, o Concello de Moeche abriu o proceso de contratación das obras coas que se busca mellorar a accesibilidade, a seguridade e tamén o aspecto xeral do recinto feiral de San Ramón. As empresas interesadas poden presentar as súas propostas técnicas e económicas ata o 31 de xaneiro. O contrato está cifrado en 78.750 euros -ive incluído-, que serán asumidos nun 80% polo ente provincial mentres que o 20% restante poñerao o consistorio. Os traballos licítanse cun prazo máximo de execución de dous meses e, ademais, non serán as únicas obras que lle afecten ao recinto feiral. De feito, o Concello deseñou outros dous proxectos acollidos ao POS+ que permitirán aglomerar máis de 5.000 metros cadrados do espazo e mellorar a iluminación interior e exterior da nave do mercado.

O procedemento de licitación simplificado está xa publicado na Plataforma de Contratación co Sector Público e dá ata as 23.59h. do día 31 de xaneiro para que as construtoras tramiten as súas ofertas por vía electrónica. O prezo de saída son eses 78.750 euros -65.082,65 € sen o ive- e a Mesa de Contratación aplicará varias fórmulas para valorar con ata 10 puntos a redución do prazo máximo establecido de dous meses e con ata 10 puntos a porcentaxe de persoal fixo en relación co total contratado na empresa. Outros 65 puntos outorgaranse pola oferta económica e os 15 puntos restantes ata completar o máximo de 100 outorgaranse segundo os incrementos do prazo de garantía propostos.

As obras que deberá levar a cabo a adxudicataria están recollidas nun proxecto técnico detallado ao milímetro onde se contempla a mellora da seguridade na contorna do almacén municipal e no acceso desde o espazo de estacionamento. Tamén se reflicte a finalización do remodelado da nave do mercado -antiga nave dos tecidos-, onde se preparará a entrada traseira. O deseño plasma, ademais, o acondicionamento da rede de saneamento na contorna da antiga nave de verduras, darlle un lavado de cara exterior ao espazo do polbo e reforzar a seguridade no exterior dos recintos dedicados a gando e cabalos.

O concepto xeral da obra atende á renovación de varandas, a mellora de accesos a edificios, o amaño de deficiencias de drenaxe e a un cambio no aspecto xeral das instalacións feirais, seguindo o camiño iniciado coa nave do mercado. Cuestións todas elas estéticas e de salubridade coas miras postas en que o lugar sexa máis atractivo, accesible e tamén seguro para as persoas usuarias. Desde o Concello destácase a remodelación que se vai acometer no espazo multiusos, onde teñen a súa sede varias entidades do municipio ademais doutros servizos de apoio ao sector primario. Os cinco locais existentes recibirán un tratamento exterior contra as humidades e dentro do proxecto tamén se lles construirán novos aseos adaptados a persoas con mobilidade reducida.

Tal e como indica Beatriz Bascoy, a intervención “é unha nova fase da posta en valor do equipamento feiral para darlle un novo pulo como referente económico vinculado ao sector primario e o comercio de proximidade”. A este respecto a rexedora lembra que a promoción do espazo de San Ramón “comezou pola nave dos tecidos para convertela en mercado dos sábados e lugar de eventos, continuará agora con esta renovación xeral e agardamos encamiñar en breve a posta en marcha do centro de transformación alimentaria”.

Cómpre ter en conta, ademais, que o recinto tamén se beneficiará doutros proxectos de obra a maiores deste, acollidos ao POS+ en ambos casos. Un é o aglomerado de máis de 5.000 metros dos espazos comúns da feira, mentres que o outro se centrará en renovar a iluminación pública con novos dispositivos led, que irán instalados na rúa principal e tamén no exterior e interior da nave do mercado.