Friday 22 de November de 2024

O alumnado do obradoiro de emprego CREAS recupera a finca municipal de Pedra Castro


O alumnado do obradoiro de emprego dual CREAS, impulsado polo Concello de Santiago en colaboración co de Ames, xa está a traballar na repoboación forestal da finca de Pedra Castro, en Santa Cristina de Fecha. Hoxe, as persoas que participan na formación recibiron a visita da concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; do edil de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña, e da concelleira de Promoción Económica de Ames, Isabel González.

O obradoiro de emprego dual CREAS é un programa no que colaboran os concellos de Santiago e Ames. O programa conta cun orzamento de case 360.000 euros, dos que preto de 290.000 proceden dunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria. A achega do Concello de Santiago é de 60.000 euros, mentres que o Concello de Ames financia algo menos de 10.000 euros.

O obradoiro ten unha duración de nove meses, ata o próximo mes de agosto, e conta coa participación dunha vintena de alumnos e alumnas que reciben formación en dúas especialidades: repoboación forestal e tratamentos silvícolas e pavimento e albanelería de urbanización.

Traballos prácticos
As persoas participantes, desempregadas maiores de 18 anos, porán en práctica os coñecementos que adquiran en tres proxectos distintos: a repoboación forestal da finca de Pedra Castro, os traballos de urbanización e mellora medioambiental no Polígono do Tambre e a apertura e mantemento de vías forestais no concello de Ames.

Na finca Pedra Castro, na parroquia de Santa Cristina de Fecha, estanse a mellorar as condicións actuais do monte, mediante a reforestación dunha superficie dalgo máis de 11 hectáreas. Para iso empréganse frondosas autóctonas galegas, como carballos, sobreiras ou bidueiros. Ademais, o alumnado do obradoiro de emprego está a realizar traballos de limpeza, roza e poda de árbores existentes.

A concelleira Marta Lois salientou que “o obradoiro é moi importante pola formación das persoas participantes, pero tamén porque permite a recuperación de espazos singulares do municipio descoñecidos por boa parte da poboación”. Na mesma liña, o edil Rafael Peña mostrou o seu desexo de que “actuacións como esta sirvan de exemplo para que os particulares acometan tamén a reforestación das súas fincas utilizando árbores autóctonas, no canto de eucaliptos”.

No Polígono do Tambre traballarase nun proxecto de urbanización e mellora medioambiental que inclúe traballos de axardinamento, repavimentación de beirarrúas e mesmo a creación dun viveiro forestal. Por último, o obradoiro de emprego inclúe unha parte práctica para a apertura e mantemento de vías forestais no concello de Ames.