Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño, Moeche, Cerdido e As Somozas quedan sen especialista en pediatría


 

Foi no pleno ordinario do sábado cando a plataforma PACs en pé de guerra adiantou que, desde este luns, San Sadurniño e outros concellos da comarca quedarían sen pediatra, despois de que a facultativa que viña prestando o servizo accedese a un concurso de traslados para ocupar praza en Pontedeume. Segundo parece, a partir de agora será un médico puericultor -non un especialista en pediatría- quen se encargue da atención aos nenos e nenas os luns, mércores e venres, mentres que os martes e xoves serán outros dous doutores sen a especialidade en Pediatría quen cubran o servizo tanto para a rapazada de San Sadurniño como para a de Moeche, Cerdido e As Somozas. Ademais, estes tres municipios perden a consulta itinerante e, polo tanto, as familias usuarias deberán acudir ao centro de saúde de San Sadurniño desde esta mesma semana. A información oficiosa da que dispoñen Moeche e San Sadurniño apunta a que estas condicións se manterán polo menos durante os dous próximos meses. Por outra banda, desde a Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol terían expresado o seu compromiso de dotar o Centro de Saúde de San Sadurniño dun ou dunha pediatra tan pronto como sexa posible, aínda que sen despexar a incógnita de se, chegado o momento, tamén se recuperarán as consultas itinerantes.

Ata esta semana o noso concello contaba cunha pediatra que estaba aquí durante toda a semana, aínda que tamén se desprazaba a outros municipios para pasar consulta en días concretos durante parte da mañá. Así, os martes acudía a Cerdido, os mércores ás Somozas, os xoves a Moeche e os luns e venres estaban reservados por enteiro a usuarias e usuarios de San Sadurniño.

Agora, trala marcha da facultativa, a cousa cambia. Segundo a información facilitada pola Xerencia de Xestión Integrada, a praza vacante estará ocupada por un médico puericultor que atenderá os luns, mércores e venres en San Sadurniño e que os martes e xoves se desprazarán ao Centro de Saúde dous facultativos -un cada día- procedentes do Fontenla Maristany. En ningún caso se trataría de médicos con especialización en Pediatría.

“Non dubidamos da súa capacitación profesional e incluso lles recoñecemos o esforzo que asumen os dous médicos do Fontenla Maristany que van dobrar turno. Pero pensamos que o SERGAS debería telo previsto e debería ter cuberta a praza xa hai tempo cun ou cunha pediatra titulada, sen esperar a que o posto quedase baleiro para cubrilo agora desta maneira”, comenta Secundino García. O alcalde tentou falar durante toda a mañá coa Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol para obter información de primeira man sobre como se reconfigurará o servizo, aínda que non foi ata primeira hora da tarde cando puido constatar que, efectivamente, serán tres médicos distintos quen atendan as nenas e nenos en días alternos. “Para nós é un parche que vai en contra da relación de confianza e da atención personalizada que requiren as familias. Aínda que os historiais médicos sexan compartidos, pensamos e demandamos como mellor e máis efectivo que sexa sempre a mesma persoa quen atenda os pequenos e que poida facelo durante moito tempo en condicións laborais estables”.

O outro cambio substancial na atención infantil é a eliminación das visitas a outros municipios, co que as familias con nenos e nenas de Moeche, Cerdido e As Somozas terán que desprazarse obrigatoriamente a San Sadurniño para pasar consulta. “Unha das disculpas que poñen é que non hai pediatras”, comenta a rexedora de Moeche, Beatriz Bascoy. “Desde a xerencia dixéronnos que enviarían un ou unha especialista tan pronto puidesen, dándonos a entender que se trata dunha situación conxuntural. Por outra fonte soubemos que vai ser así durante alomenos dous meses e ninguén nos dá garantías de que pasado ese tempo vaiamos ter unha solución a longo prazo”.

Secundino García e Beatriz Bascoy mantiveron unha breve xuntanza este mediodía para analizar un problema que, segundo García, “obedece á falla de previsión, a unha organización deficitaria e a unha precarización cada vez máis evidente da sanidade pública galega”. Bascoy súmase á crítica engadindo que “en plena ‘lexislatura do rural’ somos os concellos rurais os que máis sufrimos os recortes e o desmantelamento de servizos. Pasa co ensino, pasa co tren e agora con algo tan básico como unha atención especializada para os nosos nenos e nenas. Estas non son as condicións axeitadas para fixar poboación e para ter un rural vivo”.

Os responsables municipais de San Sadurniño e Moeche aseguraron que ambos concellos están dispostos a “facer todo o que estea na nosa man” para demandar do SERGAS un servizo de pediatría “prestado en boas condicións e con persoal especializado”, ademais de esixir que se recupere a atención itinerante nos centros médicos de Moeche, Cerdido e As Somozas “como viña sendo ata agora”.