O alcalde e a concelleira de Protección Civil insistiron na necesidade de reforzar o parque móbil contra incendios
O alcalde de Noia, Santiago Freire, e a concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri, mantiveron unha reunión co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, para seguir avanzando na incorporación de Protección Civil Noia ao mapa de emerxencias deseñado pola Xunta de Galicia. “Despois de analizar a cuestión co vicepresidente o pasado mes de novembro, agora quixemos tratar da cuestión en profundidade co novo director xeral de Emerxencia, a quen lle detallamos as inversións precisas para que Noia se poida incorporar ao mapa de emerxencias de Galicia”, explica Freire Abeijón.
“Entre esas necesidades figuran melloras no equipamento e no parque móbil, sobre todo precisamos un vehículo contra incendios, para o que xa pedimos unha reunión co conselleiro de Medio Rural”, apunta o alcalde noiés. Unha petición que se sumará á adquisición dun novo vehículo para a Policía Local, plantexada na reunión de novembro co vicepresidente Alfonso Rueda e que suporía un investimento duns 30.000 euros, que serían financiados polo Concello de Noia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
O alcalde de Noia amósase moi satisfeito co resultado da reunión pois “seguimos avanzando para conseguir que Protección Civil de Noia se poida incorporar a ese mapa de emerxencias, o que sería moi positivo para a nosa comarca, pois a veciñanza tería unha resposta moito máis áxil ante calquera emerxencia e os tempos de resposta serían moito máis curtos”. Neste sentido, Freire Abeijón lembra que Protección Civil de Noia conta “cunhas importantes infraestruturas, nas que hai pouco máis dun ano investimos 90.000 euros, e temos un persoal capaz e formado que nos permitiría ser un punto intermedio entre os parques de bombeiros de Arousa Norte e os GES de Muros e Brión”.