O pleno ordinario de xaneiro, o primeiro deste 2019, celebrouse nesta mañá de sábado cunha orde do día marcada principalmente por temas relacionados coa economía municipal e, principalmente, por asuntos que poderían adscribirse no eixo común do benestar social. Na parte económica déuselle o visto e prace á conta xeral do ano 2017 e tamén se debateu sobre o xeito en que a Xunta distribúe subvencións entre os concellos, mentres que nesa grande epígrafe social entrarían os acordos relativos á entrada de San Sadurniño no programa autonómico Xantar na Casa, o apoio á reivindicación de melloras no funcionamento dos PACs e a aprobación do terceiro Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes de San Sadurniño, que dirixirá toda a acción municipal neste ámbito durante os próximos dous anos. A diferenza doutros temas abordados na sesión, este obtivo os votos favorables de todos os grupos.
O III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes de San Sadurniño é un extenso documento que vén continuar as políticas iniciadas nos dous anteriores, aínda que actualizando os datos de partida e redirixindo algunhas das accións contempladas, que abranguen o funcionamento de todas as áreas municipais.
Tal e como sinalou a titular da concellaría, Ana Belén Breixo, “o logro da equidade de xénero debe entenderse como un traballo estable e continuo ao longo dos anos e non como un obxetivo a curto prazo” e, nese sentido, o III PIOMH establece seis liñas estratéxicas sobre a transversalidade das políticas de xénero na Administración local; a participación sociocomunitaria, o emprego, a formación e a corresponsabilidade e conciliación da vida familiar e persoal; a educación en igualdade; o urbanismo, medio ambiente e mobilidade e, se cadra como unha das liñas prioritarias, as accións para a erradicación da violencia de xénero.
O plan foi apoiado de forma unánime polos tres grupos con representación municipal no medio dunha orde do día que recollía máis asuntos de perfil social. Un deles, a participación de San Sadurniño no programa Xantar na Casa impulsado polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Previo informe favorable dos servizos sociais municipais e unha vez que o Consorcio acredite que se cumpren os requisitos, as persoas usuarias deste novo servizo que xa se presta nuns 170 municipios -arredor de 1.800 beneficiarias- poderán dispoñer dun menú diario de primeiro prato, segundo prato e sobremesa por menos de dous euros ao día, posto que a maior parte dos algo máis de 6 euros que custa o menú serán asumidos nun 50% polo Consorcio, noutro 25% polo Concello e o 25% restante, 1,57€, polas persoas beneficiarias. A entrada de San Sadurniño neste programa tamén recibiu os votos favorables de BNG, PP e PSOE.
O punto que máis debate xerou foi a moción encamiñada a demandar da Xunta unha negociación co persoal dos Puntos de Atención Continuada de cara a mellorar as súas condicións laborais -e non só de tipo económico- e tamén a calidade do servizo, aqueixada de numerosas eivas, segundo expuxo na sesión a plataforma PACs en pé de guerra. Pablo Pérez Hermida, representante na comarca deste colectivo, asegurou que, malia o publicado pola prensa, o SERGAS non deu “nin sequera un paso” para atallar as deficiencias denunciadas, entre as que destacan a falla de persoal e de medios axeitados para desempeñar o seu traballo.
Pérez Hermida precisou que os anuncios de convocatorias de prazas e de futuras contratacións de persoal sanitario “chegan tarde” e que, ademais, “non son para agora”. Critica tamén que esas contratacións serían para reposición de persoal, pero non para incrementar a dotación dos puntos de atención continuada, que seguen rexéndose por un plan funcional de hai máis dunha década “que se debería revisar” para cumprir co incremento de persoas usuarias que se deu nos últimos anos. O médico puntualizou que as súas peticións se centran en “defender o sistema público sanitario”, cualificado á súa vez polo BNG como “básico” nas zonas rurais. Desde este grupo, Suso Soto e Secundino García foron máis aló encadrando a situación actual da atención primaria nun “cambio de modelo” orientado á “privatización” da sanidade. Ambos criticaron a “falla de recursos” nos orzamentos da Xunta de 2019 para poñerlle fin “á precariedade”.
Pola súa parte, a portavoz socialista, Yolanda Vázquez, mostrouse a favor da moción mentres que o PP optou pola abstención malia recoñecer que a plataforma “en moitas cousas ten razón”. Belén Trigo xustificou a postura do seu grupo co argumento de “darlle marxe á administración para que se poña as pilas”, asegurando ademais que o SERGAS “mantén liñas de diálogo” neste tema e que xa se produciran “avances na negociación”, afirmacións ambas que foron rebatidas polos representantes da plataforma dos PACs. A este respecto o grupo de facultativos presente entre o público asegurou que “nin sequera” houbera acordo para dispoñer de equipos de protección individual cos que acudir, por exemplo, a accidentes de tráfico, engadindo ademais que o persoal dos puntos de atención continuada tampouco fora convocado pola Xunta “como colectivo” para buscarlle solución a unha situación da que a plataforma xa tería advertido ao SERGAS “hai máis dun ano”.
Outro asunto que tamén xerou certa controversia foi a moción presentada polo BNG para que a Xunta de Galicia artelle un sistema “obxectivo” de distribución de subvencións. Segundo argumentou o grupo nacionalista existe unha “discrecionalidade no reparto de fondos” que favorecería aos municipios gobernados polo PP e en menor medida aos rexidos por outras formacións políticas. Suso Soto aseverou que San Sadurniño non recibira nos últimos dez anos “nin un só euro” fóra do que está establecido, por exemplo, no Fondo de Cooperación local. Soto contextualizou o tema recordando que en 2016 Augas de Galicia repartiu 35 millóns de euros a través de 62 convenios “57 para concellos do Partido Popular, 6 para concellos gobernados polo PSOE, un para Mondariz e outro para Salceda de Caselas, que teñen gobernos independentes”.
O concelleiro botou man da ironía para denunciar tamén a existencia de liñas de axuda non competitivas “que abren o prazo ás 12 da noite e ás 12 e 12 minutos teñen repartidos 3 millóns de euros”. Cartos que “pode ser” que vaian parar a municipios dunha determinada cor política que xa terían preparada de antemán toda a documentación, gracias a que tamén contan con información privilexiada sobre o momento concreto en que se vai publicar a convocatoria en cuestión.
Por iso desde o BNG propónse un sistema “con criterios obxectivos e consensuado coa FEGAMP” que funcione a imaxe e semellanza do Plan Único da Deputación, onde os municipios saben desde o comezo do ano con cantos fondos van contar. O PSOE apoiou a moción obxectando unicamente que se retirase do texto a expresión “a dedo” alusiva á forma de reparto das subvencións. Desde o PP Belén Trigo recoñeceu que, fóra dos mínimos para todos os municipios garantidos na cooperación local, si habería convenios “que a Xunta reparte ás veces dunha forma un pouco arbitraria” pero que antes de revisar os criterios “o Estado debe clarificar” o sistema de financiamento autonómico.
BNG e PSOE votaron a favor da moción e o PP en contra.
Pero antes de falar de todas estas cuestións, o pleno municipal abordou a proposta de aprobación da conta xeral correspondente ao exercicio de 2017 que, entre outras cifras, indica un resultado axustado de 371.000 euros, un aforro superior aos 500.000 e un nivel de execución dos gastos comprometidos dun 86%, cualificado polo portavoz do goberno local como “moi satisfactorio”, posto que, segundo Soto, permitiu “preservar servizos públicos e levar a cabo investimentos”.
O PSOE anunciou a súa abstención ante o incumprimento da regra de gasto e da normativa de estabilidade orzamentaria, que traerá aparellada a aprobación dun plan económico e financeiro. O PP amparouse no mesmo argumento para anunciar o seu voto contrario, suxerindo ademais que os ingresos por taxas e impostos non “chegan para pagar os gastos de persoal”. O responsable de Facenda instou á concelleira popular a “sumar os capítulos que queiras” e insistiulle en que os máis de medio millón de euros de aforro neto “son suficientes” para atender as necesidades do Concello. Suso Soto comentou tamén que o plan económico xa se está redactando e que, igual que noutros concellos, recollerá as medidas correctoras que marca a lei.
O pleno rematou unha hora e cuarto despois do seu comezo tras unha breve quenda de rogos e preguntas na que o PP volveu demandar locais para os distintos grupos políticos. Esta formación tamén suxeriu que se revisase o estado das pasarelas de madeira do paseo do Xubia para evitar esvaramentos. O goberno local comprometeuse a atender ambas peticións.