Ambas partes desenvolverán accións conxuntas de cara á execución de proxectos de investigación, formación e intercambio de coñecemento
Portos de Galicia e a Fundación Universidade da Coruña veñen de asinar un protocolo de cooperación e actuación conxunta de cara á definición de liñas de investigación conxuntas no ámbito portuario. O presidente do ente público, José Juan Durán, e o seu homólogo no organismo académico, José María Barja, rubricaron o documento de colaboración que da continuidade a unha liña de cooperación mutua que se vén desenvolvendo nos últimos anos.
Segundo recolle o documento, ambas partes converxen no obxectivo de aunar esforzos para unha fecunda colaboración en campos de interese común, tales como o científico, tecnolóxico e formativo. Así mesmo, adquiren o compromiso de establecer as vías de comunicación que permitan o intercambio de coñecemento académico e cultural.
No que respecta ao ámbito das iniciativas e programas específicos que se desenvolverán, figuran no protocolo os proxectos de investigación; convocatorias de investigación internacionais, nacionais ou rexionais; participación en seminarios, conferencias e sesións de traballo; programas de formación; e actividades de intercambio e transferencia de coñecemento. A partir deste protocolo, en convenios anexos especificaranse iniciativas concretas, obxectivo, prazo de execución, orzamento e vías de financiación.
Este protocolo, que entrou en vigor dende o momento da súa firma, ten unha vixencia de dous anos prorrogables. A través del Portos de Galicia ratifica a súa vontade de integrar o coñecemento derivado do I+D+i no desenvolvemento de infraestruturas e na explotación portuaria, así como a vontade da Fundación Universidade da Coruña de enriquecer o ámbito profesional técnico co coñecemento académico.