Ovidio Rodeiro explicou que en Ferrol e na súa área de influencia se benefician destas achegas dez empresas das que catro están situadas na cidade e seis en concellos limítrofes
O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou a empresa Desarrollo Técnicas Industriales de Galicia (DETEGASA) para dar conta das axudas do programa para o impulso á internacionalización das pemes galegas que na cidade e a súa área de influencia deixarán arredor de 200.000 euros para apoiar a dez empresas, catro delas situadas na cidade a outras seis en concellos limítrofes. En total, na nosa provincia beneficiaranse deste plan de axudas 85 pemes que recibirán unha achega total de 1,7 millóns de euros.
Detegasa centra a súa actividade en tres liñas de negocio, deseño e fabricación de equipos standard e de equipos especiais e servizos de mantemento de equipos de a bordo. Estes equipos están relacionados coa seguridade ou a prevención da contaminación dos buques.
Neste plan participan compañías de eidos como a alimentación, TIC, o téxtil, os servizos, a madeira-moble, a maquinaria, o naval ou a construción, que desenvolverán accións en 97 mercados de todo o mundo, como a creación de tendas online, a participación en feiras e eventos internacionais e a planificación de axendas de reunión no estranxeiro ou seguimento de clientes.
Ovidio Rodeiro apuntou que “estas axudas do Galicia Exporta Empresas cobren o 70% dos custes, cun máximo de 70.000 euros por solicitude e compañía”. Ademais, aclarou que “as pemes beneficiarias poderán avanzar na súa internacionalización cara a mercados como China, Estados Unidos, Cuba, Arabia Saudí, Australia, Brasil, Arxentina, México, Emiratos Árabes Unidos, Rusia, Marrocos, Xapón ou Colombia, así como distintos países europeos”.
O representante do goberno autonómico lembrou que “este ano houbo un incremento de 900.000 euros nos apoios con respecto ao pasado exercicio”. Así, concedéronse, a través do programa Galicia Exporta Empresas do Igape, axudas por preto de 5 millóns de euros para apoiar a internacionalización de 261 compañías, o que supón un 49% máis ca na convocatoria anterior.
Neste senso, o delegado territorial lembrou que “xa está aberta a seguinte convocatoria de solicitude de axudas para levar a cabo accións durante o 2019 e a primeira metade de 2020”.
Este programa é complementario do Galicia Exporta Organismos Intermedios, mediante o que os clústeres e asociacións realizan accións agrupadas de promoción exterior que contan, ademais, co reforzo de bolseiros de internacionalización do programa de capacitación posto en marcha polo Igape e que colaboran no desenvolvemento das actuacións realizadas polas agrupacións empresariais.
No caso dos proxectos agrupados coordinados a través desta liña de axudas, os apoios abranguen o 90% do custo e chegan ata os 150.000 euros. A resolución de axudas aprobada en xullo deste ano achegou 1,5 millón de euros a 34 iniciativas de organismos intermedios das que, só de xeito directo, se benefician 206 empresas.
Ovidio Rodeiro destacou que “mediante os dous programas a Consellería de Economía, Emprego e Industria busca tanto facilitar a internacionalización individual das pemes como favorecer a cooperación e o aproveitamento de sinerxías entre varias compañías”. Ambas iniciativas enmárcanse na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que ten por obxectivo facer das exportacións un motor de emprego e crecemento empresarial.
Froito do esforzo do tecido empresarial galego neste eido, co apoio da Xunta, Galicia continúa batendo cifras históricas e así, á falta dos datos dos últimos dous meses do ano, as exportacións galegas medraron un 8,6% con respecto ao mesmo período do ano récord de 2017. Ademais, no mes de outubro as exportacións galegas medaron un 16,5 % moi por riba da media estatal, nun 9%.
A aposta das empresas galegas pola innovación e a calidade para chegar a novos mercados é a clave para que Galicia estea a vivir o seu mellor ciclo exportador, logrando que os últimos cinco anos sexan os de maiores vendas ao exterior da nosa historia