Tuesday 26 de November de 2024

Comezan as obras de substitución da cuberta e mellora das condicións térmicas e acústicas do pavillón municipal de deportes de Brión


 

Os traballos terán unha duración de algo máis de dúas semanas e tratarase de que a instalación estea operativa o maior tempo posible

Hoxe venres deron comezo as obras de substitución da envolvente exterior e de mellora das condicións térmicas e acústicas do polideportivo municipal de deportes de Brión, emprazado en Lamiño. Unhas obras orzamentadas en 180.620 euros e que contan cun prazo máximo de execución dun mes, se ben o alcalde de Brión, José Luís García, explica que “se o tempo acompaña, a empresa comprometeuse a telas rematadas en quince días, pois teñen pensado traballar tamén sábados e domingos para reducir as molestias aos usuarios do pavillón”.

García sinala que “onte instalouse unha rede de seguridade sobre a pista para que poida seguir sendo utilizada con seguridade pola veciñanza mentres duren as obras, de xeito que a instalación poderá seguir aberta a maior parte destes quince días”. Unhas obras que o alcalde brionés cualifica como “moi importantes porque o resultado vai ser fantástico para os veciños e veciñas de Brión porque remataremos cos problemas de pingueiras e porque melloraremos as condicións térmicas e acústicas do pavillón, algo que agradecerán tanto as numerosas persoas que a diario fan uso destas instalacións como as que asistan a celebracións que teñen lugar aló como o Concurso de Entroido, a Festa de Reis ou a Festa dos Maiores”.

Desenvolvemento das obras

A cuberta do polideportivo brionés é de chapa simple e ten unha antigüidade de 27 anos, polo que na actualidade presenta problemas de filtracións na cuberta que, de non solucionarse e aumentar, poderían supoñer un problema de cara á utilización das propias instalacións. Nos cinco últimos anos xa se acometeran obras de mellora da estanqueidade da cuberta, dende a substitución dos tragaluces ata a colocación de novos parafusos con xuntas de neopreno que, se ben minoraron as filtracións de auga, non melloraron as condicións térmicas da instalación.

Agora, o Concello de Brión procederá á retirada da totalidade da cuberta, así como doutros elementos como os aireadores, canos e baixantes. No seu lugar instalarase unha nova cuberta de panel sandwich nervado, que inclúe illamento térmico. Así mesmo, instalaranse novos canalóns e baixantes. Unha solución sinxela coa que as instalacións serán máis seguras, permitirán un maior control da temperatura, tanto no inverno coma no verán, e suporán tamén un importante aforro tanto económico como enerxético para o Concello de Brión. “Ademais, as persoas que asistan ao próximo concurso de Entroido poderán xa comprobar a moi significativa mellora da acústica do pavillón”, adianta García. As obras están incluídos no Plan de Obras e Servizos POS+2018 da Deputación Provincial da Coruña.