Friday 22 de November de 2024

Máis de 30 cooperativas agrarias galegas benefícianse das axudas para o fomento do emprego de maquinaria agrícola


A maioría das cooperativas beneficiadas, 18, son da provincia da Coruña; 8 son da de Lugo e 7 da de Pontevedra

O Diario Oficial de Galicia publicou nos últimos días as cooperativas beneficiadas na convocatoria de 2014 das axudas para o fomento do emprego de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia. En total foron 33 as cooperativas beneficiadas e foron concedidas pola Consellería do Medio Rural e do Mar por un importe de máis de 1,8 millóns de euros. A maioría das cooperativas beneficiadas, 18, son da provincia da Coruña; 8 son da de Lugo e 7 da de Pontevedra.

A través destas subvencións, a Consellería do Medio Rural e do Mar busca promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo e a introdución de novas tecnoloxías neste eido. Tamén teñen como finalidade racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguridade no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.

Destas axudas poden beneficiarse as cooperativas agrarias e Sociedades Agrarias de Transformación (SAT) que teñan como obxectivo social prioritario a adquisición e uso de maquinaria, así como as cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria agrícola. Tamén outras agrupacións, especialmente comunidades de regantes, asociacións de viticultores en terreos con pendente superior ao 15% e asociacións de faba e castaña.

Estas axudas tamén están dirixidas ao resto das cooperativas agrarias que adquiran maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario, ás cooperativas de explotación comunitaria da terra e ás sociedades agrarias de transformación procedentes da fusión de, como mínimo, dúas explotacións nos 5 anos posteriores á súa constitución.