Friday 22 de November de 2024

O Concello de Noia remata as obras de mellora do parque infantil do paseo marítimo, a carón do que instalará unha pista de mini-basket


 

A concelleira Mariola López Cierto adianta que “a maiores do ambicioso proxecto do parque de San Lázaro, nos próximos meses faremos melloras nos parque de Orro e no que está ao lado do campo de fútbol”

O Concello de Noia vén de rematar as obras de mellora no parque infantil do paseo marítimo, onde investiu máis de 31.000 euros. Unhas melloras que consistiron na instalación dunha nova soleira de formigón e dun pavimento de caucho antiimpacto na contorna dos xogos, así como a reparación dos xogos existentes e a instalación dun xogo de resorte novo.

A concelleira de Parques e Xardíns, Mariola López Cierto, que comprobou esta mañá a boa execución dos traballos, adianta que “no espazo que queda libre tras a ampliación da soleira de formigón imos construír nos próximos meses unha pista de mini-basket, que levará un peche especial ao seu arredor para que nin os usuarios do parque infantil teñan molestias das persoas que empreguen a cancha, nin viceversa”. López Cierto explica que “a nosa intención é tamén ver de colocar na zona unha cancha de fútbol para nenos e nenas pequenos, que, coa pista de skate que se está a rematar nestes días conformarán no paseo marítimo un gran espazo para o ocio infantil e xuvenil en Noia”.

Estas actuacións en parques infantís terán continuidade no parque de San Lázaro, onde o Concello de Noia investirá 102.069 euros do POS+2019. “O de San Lázaro é un proxecto máis ambicioso, pois inclúe non só ampliación do parque e a colocación de máis xogos, senón tamén a habilitación de dúas zonas diferentes de acordo coa idade”, explica Mariola López Cierto, “pero antes faremos melloras no parque infantil de Orro e actuaremos tamén no que está a carón do campo de fútbol, onde colocaremos unha nova soleira e un solo de caucho antiimpacto na contorna dos xogos e onde instalaremos algún xogo máis”.

No ano 2018, o Concello de Noia investiu máis de 170.000 euros na mellora dos seus parques infantís, incluída a construción de dúas novas instalacións en Boa e Pontenafonso, así como importantes actuacións no parque do Campo das Rodas, na Alameda e no do Paseo Marítimo.