Teatro A Gaiola, agrupación de teatro afeccionado de Lousame, porá en escena a obra “Feliz 1990!” este sábado 12 de xaneiro, ás 18:00 horas, no auditorio da casa da cultura de Lousame. Unha actuación a prol da Asociación Amicos, pero que tamén está aberta á participación da veciñanza de Lousame. A entrada é totalmente libre e de balde ata completar aforo.
A obra rememora a noite do 31 de decembro de 1989 ao 1 de xaneiro de 1990, revivindo a gala televisiva daquela xornada na que os actores darán as badaladas e comerán as correspondentes uvas nunha simpática comedia que gustará a todos os públicos, tanto os que viviron aquela xornada como para os que aínda non naceran. A representación conta coa colaboración do Concello de Lousame.