O obxectivo deste programa é a realización do acopio, transporte e tratamento deste tipo de residuos, un servizo gratuíto para os concellos adheridos ao plan
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, investirá máis de 205.000 euros no contrato de servizo de recollida e valorización de plásticos agrícolas para o vindeiro ano.
A empresa pública Seaga será a encargada de levar a cabo este servizo de recollida e tratamento destes residuos, no que a Xunta de Galicia, dende o ano 2009, ten investido máis de 1,5 millóns de euros.
O obxectivo deste programa é a realización da recollida, transporte e tratamento deste tipo de residuos, un servizo gratuíto para os concellos adheridos ao plan.
Coa implantación deste sistema contribúese a evitar problemas medioambientais, que provocan un deterioro progresivo do entorno a un importante impacto paisaxístico, ao tempo que se proporciona a agricultores e gandeiros unha solución práctica e sen custos para a súa xestión.
Desenvolvemento do servizo
Os municipios adheridos ao programa son os encargados de poñer a disposición dos produtores unha parcela adecuada para o almacenamento temporal dos plásticos agrícolas, que deben entregarse o máis limpos posible e atados ou agrupados de xeito que se facilite a súa recollida.
Cando o punto de almacenaxe alcanza unha acumulación de plásticos superior á metade da súa capacidade, o Concello ponse en contacto coa empresa xestora para que leve a cabo a súa retirada e transpórtaos ata a planta de tratamento.
Unha vez nesta planta, os residuos recollidos recíclanse mediante un proceso mecánico do que se obtén granza plástica, que se comercializa como materia prima na fabricación de novos produtos plásticos como bolsas de lixo ou tubos de polietileno.
A Consellería de Medio Ambiente é a encargada de organizar o sistema de recollida, transporte e tratamento a través de empresas especializadas. Cómpre lembrar que este programa púxose en funcionamento en 2004 e o obxectivo fundamental dende esa data e durante o 2014 é conseguir que aumenten as toneladas recollidas así como os concellos adheridos para que fagan uso deste servizo de recollida gratuíto que lles ofrece a consellería co fin de garantir a axeitada xestión deste tipo de residuos, evitando a eliminación incontrolada mediante incineración ou proliferación de puntos de vertido incontrolados.