Friday 22 de November de 2024

A Xunta seguirá a reforzar este ano o compromiso coa mellora da calidade de vida das persoas con diferentes capacidades


Galicia conta con 1100 prazas máis de atención que hai dez anos, ata chegar a preto das 5500

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, garantiu esta mañá que o Goberno galego seguirá a reforzar o compromiso coa mellora da atención ás persoas con diferentes capacidades co obxectivo de avanzar cara unha sociedade máis inclusiva. Fíxoo durante unha visita ás instalacións do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) da Coruña, recurso do que a Xunta e titular e que tamén xestiona, e que na actualidade conta con 85 prazas de residencia e outras 30 de atención diúrna

De la Campa destacou os avances que nos últimos anos se acadaron no eido da discapacidade, entre outros, a ampliación ata preto de 5500 da oferta de prazas de atención, 1100 máis que as existentes en 2009, a axilización dos procesos de valoración da discapacidade e o reforzo do número de equipos ou o incremento das unidades de atención temperá ata cubrir hoxe máis de 90 concellos. Enmarcou estas medidas no obxectivo de que a igualdade real de oportunidades chegue tamén ás galegas e galegos con capacidades diferentes.

Así mesmo, resaltou que a Xunta continuará este ano 2019 coa súa aposta por mellorar a calidade de vida deste colectivo e das súas familias. Un compromiso que se plasma nos 106 millóns de euros que se investirán ao ámbito da discapacidade, o dobre do que se dedicaba a esta finalidade hai dez anos.

Visita Aspace
O director xeral tamén visitou o servizos de atención que a Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral da Coruña (Aspace) ten no municipio coruñés de Sada. Trátase dun centro residencial e de día subvencionado pola Xunta con 1,7 millóns de euros, contía que inclúe o concerto de prazas e o transporte das persoas usuarias.

De la Campa subliñou a importancia da colaboración e coordinación coas entidades sociais galegas que traballa no campo da discapacidade co obxectivo de que ter distintas capacidades non signifique ter menos oportunidades.