Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño licita un novo proxecto de aforro enerxético co que se mellorará a iluminación no campo de fútbol e no pavillón municipal


 

O Concello ten en marcha o procedemento de contratación do cambio a led da iluminación do pavillón municipal e o seu reforzo con esta mesma tecnoloxía no campo de fútbol de Currás. O contrato -licitado en algo máis de 42.500 euros, ive incluído- pretende mellorar as condicións de luz en ambas instalacións e adaptalas á norma UNE 12193, onde se reflicten os niveis de iluminación axeitados dependendo do tipo de competición que se leve a cabo e do uso deportivo que se está facendo das canchas. Neste sentido o reforzo no campo de fútbol -onde se está competindo de día- servirá para cubrir as necesidades dos adestramentos nocturnos e compensar a falla de luz nos últimos momentos dos partidos de inverno, mentres que no pavillón se garantirá maior intensidade e uniformidade sobre a pista sen interferir no desenvolvemento do xogo. Ademais, estímase que todos estes cambios permitan aforrar arredor de 2.200 euros anuais.

O proxecto elaborado pola FAEPAC baséase nun estudo previo das condicións de iluminación e dos sistemas eléctricos, pero tamén no que indican as distintas federacións e normativas ao respecto do que se considera unha situación lumínica ideal.

Por exemplo, no caso do pavillón municipal apreciouse que as actuais lámpadas de haloxenuro ofrecen unha luz pobre e que, ademais, a súa distribución non é a axeitada para o desenvolvemento de partidos ao máximo nivel. De feito, unha das recomendacións que fai a axencia provincial é retirar os focos existentes na perpendicular da rede para evitar deslumbramentos nos momentos críticos do ataque e defensa. Por iso se propón redistribuír o sistema lumínico con focos led cambiando o emprazamento de cada punto e modificándolle a orientación, de cara a asegurar que o rectángulo estea perfectamente iluminado para quen xoga -sen sombras nin deslumbramentos-, pero tamén para quen siga o partido desde as bancadas.

Por custes e polo reducido da área que hai que alumear, a FAEPAC recomendou tirar pola tecnoloxía de LED, mentres que no campo de fútbol recomendou instalar novos proxectores complementarios de alto fluxo lumínico. A axencia provincial aconsella dous focos led a maiores por cada poste e apunta tamén a necesidade de que os proxectores actuais e os novos poidan acender de forma independente, de cara a ter un maior control sobre a luz que se necesita en cada momento e tamén sobre o consumo eléctrico.

E é que no campo de fútbol, ademais de precisarse máis luz para cumprir coa norma UNE 12193 Clase III, tamén se fai necesario un reaxuste xeral do funcionamento eléctrico para evitar picos de consumo. Neste momento o sistema permite que funcionen ao mesmo tempo o sistema de rega e mailos focos, algo que produce penalizacións na factura da luz en momentos puntuais por ter unha demanda enerxética superior á potencia contratada. Así, o cambio consistirá en instalar dispositivos que impidan a activación da bomba de rega cando os focos do terreo de xogo estean acesos.

As modificacións en ambos emprazamentos traerán aparellado un aforro estimado anual duns 2.287,62 €, segundo avanza o informe técnico da FAEPAC sumando capítulos como a redución da potencia contratada, a rebaixa de penalizacións ou o aforro en mantemento e reposición de lámpadas e equipamentos auxiliares.

O Concello licitou o proxecto conxunto por un importe de 42.533,42 euros -ive incluído-, financiados con cargo aos fondos do POS+ Adicional 2018 habilitados pola Deputación da Coruña. Esta mesma mañá a Mesa de Contratación abriu as propostas do procedemento supersimplificado, ao que concorreron un total de 7 empresas.