Friday 22 de November de 2024

O Camiño de Santiago experimenta un espectacular auxe na República de Corea


Corea ocupa xa o posto número 10 no ranking de países que máis peregrinos aportan ao Camiño de Santiago

A directora de Turismo de Galicia mantivo hoxe un encontro co primeiro secretario de Asuntos Económicos da Embaixada de España na República de Corea, Jang Lee. Tamén participou na reunión de traballo o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez.

No encontro abordáronse diversos asuntos relacionados coa promoción de Galicia no país asiático e co gran auxe que o Camiño de Santiago está a experimentar en Corea, que xa é o país de Asia que máis peregrinos achega a Santiago de Compostela.

Nava Castro, incidiu especialmente nos aspectos culturais e patrimoniais vinculados ás Rutas Xacobeas e ao fenómeno das peregrinacións. Ademais, durante o encontro, abordáronse aspectos fundamentais de Galicia como destino turístico, como a súa potencialidade termal, a relación coa auga como elemento endóxeno de aproveitamento turístico; a enogastronomía ou os Patrimonios da Humanidade declarados pola UNESCO que se poden visitar en Galicia.

A directora de Turismo de Galicia falou dos diferentes itinerarios históricos así como do patrimonio vinculado a eles e do significado de intercambio cultural da civilización europea que ten o Camiño de Santiago. As infraestruturas e a rede de servizos da Ruta, así como a oferta vinculada a ela existente en Galicia; ou os produtos turísticos que xurdiron arredor do Camiño –como o Bono Iacobus que combina gastronomía, Camiño e turismo rural en Galicia- foron algúns dos aspectos abordados pola directora de Turismo de Galicia na reunión.

Ao tempo, Nava Castro incidiu no feito de que Galicia acolle dende mediados deste ano os actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

3.745 peregrinos procedentes de Corea chegaron a Compostela no que vai de ano
O encontro xirou, tamén, arredor do incremento exponencial de peregrinos coreanos que cada ano rexistra Santiago de Compostela. No que vai de ano, percorreron algunha das rutas xacobeas un total de 3.745 peregrinos procedentes de Corea, isto implica un incremento de 1.066 peregrinos con respecto dos que chegaron no mesmo período do ano pasado. Corea ocupa o posto número dez no ranking de países que máis peregrinos aportan e o primeiro lugar no caso dos países asiáticos.

A espiritualidade e o feito de poder descubrir paisaxes diferentes a cada paso son algúns dos atractivos máis valorados polos peregrinos procedentes de Corea. A percepción do Camiño como espazo multicultural e o feito de que implique unha superación persoal son tamén aspectos que fan que cada ano o Camiño de Santiago acolla a mais peregrinos desta procedencia.