Saturday 16 de November de 2024

Os trinta e tres gravados de Salvador Dalí sobre a divina comedia de dante exhíbense no Lustres Rivas ata o 27 de xaneiro


As 33 xilografías elaboradas por Salvador Dalí inspiradas nos círculos do paraíso da Divina Comedia de Dante xa se poden contemplar no Centro Cultural Lustres Rivas. Alí se poderán ver ata o vindeiro 27 de xaneiro, pechando con esta as tres exposicións dedicadas a esta magnífica colección pertencente aos fondos do Museo do Gravado de Artes despois de que foran exhibidas nos pasados anos ás correspondentes aos círculos do inferno e o purgatorio.

Durante a inauguración celebrada na noite de onte (coa presenza do alcalde e de concelleiros de diferentes grupos da Corporación) o director do museo, Pastor Rodríguez, explicou os antecedentes que conduciron á recreación da obra de Dante polo artista de Figueres. Un encargo fallido do goberno italiano con motivo do 700 aniversario do nacemento de Dante, rematado polo apoio dun editor parisiense, Joseph Foret. Así, as 100 acualelas orixinais de que consta a colección foron transferidas a 3.500 tacos xilográficos, conformando os gravados sobre pranchas de madeira de 25.5 x 17.5 cm.

Inauguración da Biblioteca Ilustrada
O acto serviu tamén para dar a coñecer que o vindeiro 25 de xaneiro inaugurarase a Biblioteca Ilustrada no museo de Artes, con máis de 2.000 volumes, moitos dos cales son exemplares únicos, non só en Galicia e en España.

O alcalde Manuel Ruiz significou esta apertura e salientou a aposta decidida realizada polo Concello coa asunción municipal da xestión deste centro museístico a través dun comodato. “Ilusión e ideas para seguir engrandecéndoo non nos faltan”, manifestou.

A mostra do Lustres Rivas poderá ser visitada de luns a venres de 10 a 14 e de 19 a 21 horas e os sábados de 11 a 14 e de 19 a 21 horas. A entrada é gratuíta.