Actuarase naqueles arquivos que máis o precisen grazas a un investimento aproximado de 240.000 euros
A Xunta ten previsto dar un novo impulso durante este 2019 ao expurgo xudicial nos arquivos de varias cidades e vilas, actuando naquelas instalacións onde máis se precisa grazas a un investimento aproximado de 240.000 euros.
Máis en concreto, a Xunta ten previsto acometer actuacións nos arquivos de A Coruña, Pontevedra, Ourense, Ferrol, Santiago de Compostela, Corcubión, Mondoñedo, Viveiro, Ribadavia, Verín, Vilagarcía, Cambados e Ponteareas.
Dáse así continuidade a outras actuacións que se viñeron desenvolvendo estes anos para avanzar no expurgo xudicial, un procedemento regulado xuridicamente a través do cal se determina cando un documento perde toda a súa utilidade e pode ser destruído ou, pola contra, debe ser conservado.
O proceso lévase a cabo contando co persoal técnico de arquivos e a través da Xunta de Expurgo, que está composta por representantes do Poder Xudicial, Ministerio Fiscal e a Xunta de Galicia, que é o órgano que determina os criterios de cara á conservación dos documentos que puideran ter valor cultural, histórico, xurídico ou administrativo.
O obxectivo é desconxestionar as distintas instalacións xudiciais, organizar a documentación de forma que quede mellor clasificada e ordenada e, polo tanto, redundar tamén nunha mellora na xestión diaria.