Ante a boa acollida da iniciativa, o Concello de Frades organizará dúas etapas máis para percorrer o traxecto entre Fisterra e Muxía
Un grupo de 61 veciños e veciñas de Frades rematou o pasado sábado a cuarta e derradeira etapa do Camiño de Santiago a Fisterra, unha iniciativa organizada polo Concello de Frades e que os levou a cubrir un traxecto de 90 quilómetros en catro sábados entre outubro e decembro.
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, acompañou ás persoas participantes e anunciou que “ante a boa acollida que tiveron tanto as etapas do Camiño Francés como este Camiño a Fisterra, imos organizar dúas etapas máis entre Fisterra e Muxía, polo que aquelas persoas que estean interesadas poden anotarse dende xa no Concello de Frades ou chamando ao 981 695 567”.
As etapas terán lugar en sábado, se ben a data definitiva será fixada en función das condicións meteorolóxicas previstas. O prezo por persoa será o mesmo que nas outras camiñatas, 10 euros, e incluirá os traslados dende Frades ata o inicio da etapa.