O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se inicia o procedemento para recompilar posibles alegacións ao documento
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se inicia a participación pública do documento base do Plan de Conservación do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) das Illas de San Pedro, na Coruña.
Cómpre recordar que en novembro de 2017 a Xunta de Galicia declaraba provisionalmente este espazo como ENIL; polo que -segundo a normativa vixente- iniciábase un prazo de dous anos para que o Concello da Coruña presentara o plan de conservación do espazo co fin de acadar a súa declaración definitiva.
A Consellería de Medio Ambiente, entidade responsable en materia de conservación da natureza, é a competente para declarar como ENIL aqueles espazos que, polas súas singularidades, sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais; polo tanto, a declaración é competencia do departamento autonómico, mentres que a responsabilidade da súa xestión será municipal.
Cómpre lembrar que a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define como espazos naturais protexidos aqueles que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debidos á acción e evolución da natureza como derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales.
Deste xeito, o ámbito que abarca esta declaración localízase ao pé do monte de San Pedro, no Concello da Coruña, e abrangue ao conxunto de illas situadas fronte ao lugar do Portiño. A denominación que predomina para cada unha delas, tanto na tradición local como nas cartas mariñas é, de esquerda a dereita, Illa do Vendaval, Illa do Pé, As Tres Illas, O Aguillón e os illotes dos Fernandiños, O Rompedeiro e O Merlón.
Así, sobresaen os illotes de natureza granítica, cuxos baixos poden emerxer na baixamar, e forman parte da rasa costeira duns 8 km de ancho que percorre a provincia de nordeste a suroeste. Tamén abondan algunhas especies ruderais e sobre a avifauna destacan as cantidades de falcón peregrino, o furabochos atlántico e o arao dos cons, sen esquecer facer unha mención especial ao corvo mariño cristado e á gabita.
En canto aos seus valores etnográficos, encóntranse restos dunha antiga cetaria abandonada, un pequeno embarcadoiro e os restos dun muro na illa Vendaval. Por último, o contorno mariño que rodea ás illas tamén é de gran interese pesqueiro e marisqueiro e diversos colectivos desenvolven plans de explotacións de percebe, ourizo, anémona, algas, poliquetos e mexilla, entre outros.
Todas as persoas interesadas poderán remitir a partir de mañá e por un período de 20 días hábiles as súas alegacións e posibles achegas ao documento base do Plan de conservación do espazo natural de interese local Illas de San Pedro.