Xa está en vigor a nova convocatoria da Xunta destinada a compensar economicamente os danos que producen os xabarís nos cultivos agrícolas. A esta liña poderán acollerse as persoas físicas e xurídicas titulares de explotacións inscritas no REAGA ou de autoconsumo. Dependendo do tipo de cultivo afectado establecéronse contías que van desde os 0,12€ por metro cadrado das praderías até os 2,90€/m² se o porco ataca un viñedo. A partida total habilitada pola Xunta é de 811.000 euros para todo este ano, cun tope máximo por solicitante é de 1.650€, independentemente do número de leiras e do número de veces que o xabaril lle estrague os cultivos ao longo deste 2019. A convocatoria abrangue os danos comunicados ata o día 10 de outubro, algo que se deberá facer a través do teléfono 012 e sempre dentro das 72 horas posteriores ao ataque.
O procedemento que se debe seguir especifica a obrigatoriedade de chamar ao 012 para informar dos estragos á Consellería de Medio Ambiente. O servizo atende de luns a venres entre as 8 e as 20.00h. e os sábados de 8 a 17.30h. Unha vez rexistrada a denuncia, a Xunta enviará persoal á parcela para comprobar a existencia dos danos. É importante ter en conta isto, xa que non se deberá tocar a nada -tapar terróns, volver plantar, etc.- mentres o persoal técnico non faga a valoración, coa que posteriormente elaborará un informe dirixido ao Servizo Provincial de Conservación da Natureza.
A solicitude de axuda ten que facerse como máximo ata un mes despois de comunicar o dano. O trámite debe levarse a cabo preferiblemente a través da Sede Electrónica da Xunta, aínda que as persoas físicas poderán achegar a documentación en papel en calquera oficina autonómica ou a través do rexistro do Concello. Só se admitirán aquelas relativas a ataques comunicados ao 012 entre o 1 de xaneiro e o 10 de outubro de 2019, aínda que o prazo de presentación finalice o 13 de novembro.
Na folla de solicitude normalizada figuran os datos habituais de identificación de quen solicita, o código da explotación, o número de conta e tamén os relativos ao dano: o código de identificación da denuncia -facilitado polo 012 no momento de comunicala-, a data en que se produciron os danos, o tipo de cultivo afectado, a superficie, a data prevista de colleita e os códigos de identificación das parcelas que facilita o SIXPAQ. Ademais, a Xunta tamén comprobará de forma automática outros datos en poder das administracións públicas, como por exemplo o requisito de estar ao día coas obrigas tributarias.
A diferenza doutras liñas autonómicas, neste caso o procedemento de concesión da axuda iniciarase tan pronto como se presente a axuda, non haberá que agardar a que finalice o prazo global da convocatoria, e o ingreso en conta efectuarase trala resolución favorable e polo importe da concesión que, como comentamos algo máis arriba, será dun máximo de 1.650€ por persoa beneficiaria, independentemente do número de cultivos e da superficie que se vise afectada polas fozadas do porco.
A propia convocatoria fixa prezos por metro cadrado dependendo do tipo de cultivo afectado, que van desde os 0,12€ por m² das praderías -0,14€ o maínzo para silo-, ata 1,80€ metro cadrado de horta ou os 2,90€ no caso das plantacións de viñedo.
Tipo de cultivo
Importe €/m²
Código
Descrición
MIG
Millo en gran
0,16
MIF
Millo forraxeiro
0,14
TRI
Trigo
0,12
CEN
Centeo
0,12
PRA
Pradaría
0,12
PAT
Pataca
0,44
BON
Boniato
0,44
HO1
Hortalizas 1 (cenoria, repolo e nabo)
0,68
HO2
Hortalizas 2 (coliflor, tomate, berenxena, cabaciña, cebola, feixón verde, leituga, pemento e allo porro)
1,80
VID
Uva
2,90
O montante global da liña ascende a 811.000 euros, aínda que no propio DOG tamén se sinala que a Xunta podería incrementar a partida se houbese remanentes económicos. Botando contas atopamos que o importe total reservado polo Goberno autonómico para esta liña de axudas daría para atender algo menos de 500 concesións polo importe máximo. Se seguimos co cálculo veremos que, de acordo cos prezos sinalados na orde da convocatoria e para o caso do millo forraxeiro, teríamos que o tope das axudas cubriría os gastos de cultivo de aproximadamente 25 ferrados. A estimación fixémola calculando entre 1.200 e 1.300€ de custe por hectárea incluíndo nel todos os labores de preparación da terra, o prezo da semente, os tratamentos e mesmo a colleita.
En calquera caso, para acceder a estas axudas compensatorias, os terreos afectados deberán pertencer a unha persoa física ou xurídica inscrita en calquera das seccións en que se organiza o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia: explotacións agrarias prioritarias, explotacións agrarias de titulariedade compartida, explotacións acollidas ao réxime de venda directa e outras explotacións agrarias. No suposto de cultivos agrícolas afectados destinados ao autoconsumo, a persoa solicitante da axuda deberá acreditar a titularidade da explotación.
Documentación
Ligazón ao procedemento
Ligazón á orde publicada no DOG
Ligazón ao documento .pdf editable no navegador e imprimible para a súa presentación en papel
Ligazón ao SIXPAQ para obter as referencias das leiras