Friday 22 de November de 2024

A Xunta apoia con máis de 118.000 euros a contratación de 11 técnicos de emprego nos concellos de Bergantiños e Costa da Morte


A Rede de Técnicos de Emprego axuda ás empresas a desenvolver os seus proxectos

A Xunta vén de resolver as axudas para apoiar nos concellos galegos e nas entidades sen ánimo de lucro a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio. A Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste este ano máis de 118.000 euros para seguir impulsando a Rede de Técnicos de Emprego en Bargantiños e Costa da Morte. Con esta iniciativa, apóiase a contratación e o mantemento de 11 axentes especializados na promoción do emprego. As axudas repartíronse entre todos os concellos que solicitaron este apoio: Carballo, Coristanco, A Laracha, Cabana de Bergantiños, Cerceda, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Zas, Camariñas e Malpica.

O delegado territorial da Xunta apuntou que “o obxectivo desta actuación é contribuír á dinamización e xeración de novas actividades empresariais no ámbito local e rural e á inserción laboral de persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social”. Neste último senso, tamén se concederon axudas para apoiar a contratación de 9 unidades de apoio.

Ovidio Rodeiro destacou que “A Coruña é provincia que contará cun maior número de axentes de emprego. En total, se contratarán 67 traballadores e se investirán máis de 774.000 euros”.

O Goberno galego, dunha banda, destina 2,2 millóns para apoiar nos concellos a contratación ou prórroga de 214 axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDL) que colaboran na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial. O traballo destas persoas consiste fundamentalmente en axudar ás empresas a desenvolver os seus proxectos, o que contribúe a impulsar a aposta do Goberno galego por fixar poboación no rural.

A contía máxima dos apoios que se concederon por cada axente é de 27.046 euros anuais. Para a resolución destas axudas tívose en conta a media de paro rexistrado no ano 2017 no concello que solicitou o apoio.

Outras das funcións que realizan os axentes de emprego son o acompañamento técnico no inicio de proxectos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e o apoio aos promotores das empresas, unha vez constituídas, ademais de ofrecerlles asesoramento técnico durante as primeiras etapas de funcionamento mediante a aplicación de técnicas de consultaría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos para contribuír á boa marcha das compañías creadas.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria tamén dedica máis dun millón de euros ás entidades sen ánimo de lucro para apoialas na contratación ou mantemento de 33 axentes de emprego e 9 unidades de apoio que colaboran na inserción laboral de persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social.

O impulso da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia forma parte da Axenda 20 coa que o Goberno galego está estimulando a creación de emprego estable e de calidade. O impulso da Rede tamén se enmarca na aposta do Goberno galego polo emprendemento.