Un total de 110 veciños e veciñas de Frades participaron na tradicional excursión que organiza todos os anos o Concello de Frades a “Xuvenlugo”, unha feira lucense que inclúe diversas atraccións e xogos dirixidos ao público infantil e xuvenil. Unha cifra que supón un récord de participación e 40 persoas participantes máis co ano pasado.
O Concello de Frades puxo dous autobuses de balde para todos os veciños e veciñas empadroados no municipio, polo que só tiveron que aboar a entrada a recinto, que era de 5 euros. As persoas non empadroadas en Frades tiveron que aboar 3 euros adicionais para sufragar a viaxe en autobús.
Xa en Xuvenlugo, todas as persoas puideron desfrutar dos inchables, dos coches de choque e do rocódromo, así como participar nos obradoiros (de videoxogos e globoflexia) e varias atraccións (tren da bruxa, saltón e camas elásticas) ás que daban acceso a entrada ao recinto. As outras actividades (como a tirolina, o paintball, o minigolf, o scaléxtric ou o karting infantil) non estaban incluídas na entrada, pero non foron poucos os veciños e veciñas de Frades que participaron nelas.