Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño reparará cerca de 14 quilómetros de pistas con cargo ao POS+


Xa está en exposición pública o orzamento municipal para o ano 2019, aprobado en pleno o pasado 19 de decembro. O anuncio saiu publicado no BOP do 31 de decembro, dándo un prazo de 15 días hábiles para poder presentar alegacións a un documento que ascende a 3.023.807,32 euros e que, entre outros apartados, recolle as previsións de obras acollidas ao POS+ provincial. O Concello aprobou no mesmo pleno dos orzamentos un total de 8 proxectos que se custearán con cargo ao Plan Único. Sete deles refírense a reparacións viarias e o oitavo -encadrado no Plan Complementario- servirá para dotar á parroquia de Lamas dun local que veña cubrir as carencias de accesibilidade e usabilidade do actual centro social. O importe de todos os proxectos suma 523.000 euros e no caso dos arranxos de pistas actuarase en 15 tramos sobre unha distancia total de 13,9 quilómetros.

As solucións técnicas adoptadas botan man dos asfaltados naquelas vías secundarias ou que soportan menos tráfico e do aglomerado naqueloutras máis transitadas ou que precisan un reforzo extra polo uso ao que son sometidas. De feito, cinco dos sete proxectos irán con este tipo de firme que, se ben é máis caro, tamén ofrece unhas mellores características en canto a adherencia e durabilidade.

Con cargo ao plan de obras do POS+ redactáronse tres proxectos de obra. Así, en Santa Mariña do Monte está previsto o amaño da pista que vai de Sabanda á Pena, o acceso ao núcleo do Colado e o camiño do Espiñeiro. Son tres tramos que suman 1.3 quilómetros aos que se lles botará unha nova capa de asfalto cun custe estimado próximo aos 36.000 euros.

O segundo proxecto acollido ao plan provincial ascende a 55.489 euros e inclúe dúas actuacións con aglomerado asfáltico: unha en San Sadurniño para conectar a Agra de Abaixo coa estrada de Pedroso -pasando por Vilafiúnce- e outra que una a pista de Campolabrado coa antiga estrada das Pontes no lugar do Pico, en Naraío. A distancia total que se reparará chega a 1,4 quilómetros.

Na relación de obras incorporáronse a un único proxecto as reparacións da pista que vai desde Piñeiros ata o límite con Narón -San Sadurniño-, a que comunica Cadavás coa estrada provincial -Ferreira-, o eixo principal do núcleo do Pico -tamén en Ferreira- e o tramo que vai desde os Miguelares até a Ermida, en Igrexafeita. Neste caso arranxaranse case 2 quilómetros de pistas cunha nova superficie asfaltada.

Ademais de programar reparacións con cargo ás axudas directas do Plan Único, o Concello tamén decidiu solicitar a liña crediticia da Deputación, o antigo PAI, co que se financiarán dous grandes tramos de aglomerado en Santa Mariña e en Bardaos. Dunha banda amañarase o eixo Castrelo-Cabanela-A Veiga, de case 2,8 quilómetros, e da outra acometerase a conexión da pista da Bañoca co límite de Moeche -400 m.-, que o concello veciño tamén aglomerará polo seu lado ata a confluencia coa estrada de Ortigueira. A contía reflectida nos pregos técnicos ascende 112.332 euros.

As catro actuacións que faltan por enumerar ata facer o total de obras acollidas ao plan provincial están encadradas dentro do denominado Plan Complementario, que se financiará a medida que a Deputación vaia liberando máis recursos económicos. Son o tramo de 2,6 quilómetros que vai da Chabola ata Amido pasando por Caínce e o Hedreiro -Ferreira e Igrexafeita-, cun custe estimado de 82.500 euros, que se investirán en aglomerado. Esta mesma opción empregarase ao longo dos 1,8 quilómetros comprendidos entre O Cando e O Castro, en Igrexafeita, onde se agarda que o aglomerado axude a preservar durante moito máis tempo unha pista que soporta moito tráfico forestal. O proxecto está cuantificado en case 48.000 euros. Por último, con cargo ao Plan Complementario tamén se volverán asfaltar os camiños entre a Vila e o Freixo e o dos Foxos, en Naraío, cun investimento de 34.277 euros e unha distancia total de 1 quilómetro 650 metros.

Novo espazo social en Lamas
O Plan Complementario tamén será a fonte económica da que se nutrirá o único proxecto non referido á rede viaria. Trátase de facer unha ampliación no local social de Lamas que veña corrixir os problemas de accesibilidade e usabilidade do actual inmoble, concibido no seu día cunha estrutura de dous andares máis propia dunha vivenda que dun local social.

O Concello levaba tempo falando coa veciñanza da parroquia sobre como remodelar o local do Chao de Lamas para que se axeitase mellor ás actividades que alí se organizan. A conclusión á que se chegou foi a de aproveitar parte da parcela para construír un salón polivalente anexo ao edificio principal. As instalacións estarán comunicadas co andar inferior do local social e suporán un incremento próximo aos 130 m² de superficie útil, incluído un escenario de algo máis de 36 m². Os planos mostran unha edificación de planta baixa con grandes fiestras e unha porta de acceso independente, xunto con rampas de acceso para persoas con mobilidade reducida. O prezo de licitación da obra aproximarase aos 112.000 euros.