Friday 22 de November de 2024

Luís Calvo Castro e Aroa Sío Recknold gañan o II Trail San Silvestre de Lousame, no que participaron un total de 361 atletas


 

Rubén Martínez Mayo e Laura González Couce venceron no Trail Curto

O nicrariense Luís Calvo Castro e a viguesa Aroa Sío Recknold (Race Land / Hoka One One) fixeron bos os prognósticos e gañaron con comodidade o II Trail San Silvestre de Lousame “Minas de San Finx”, desputado esta mañá ao longo de 24 quilómetros polos montes e aldeas de Lousame. Pola súa banda, Rubén Martínez Mayo (Club Atletismo Negreira) e Laura González Couce (Coutadas Trail Team) fixéronse coa vitoria no Trail Curto, de 16 quilómetros de lonxitude. Unha proba organizada polo Club Lousame Deporte e polo Concello de Lousame que reuniu a un total de 361 atletas, 190 máis ca na primeira edición.

Por segundo ano consecutivo, Luís Calvo Castro venceu con autoridade en Lousame cun tempo de 1 hora, 47 minutos e 4 segundos, cun ritmo de 4:27 por quilómetro. Calvo Castro sacoulle 4 minutos exactos ao segundo clasificado, que por segundo ano consecutivo foi Samuel Saborido Soñora, do Club Tribu Trail, cun tempo de 1 hora, 51 minutos e 4 segundos. Completou o podio Marcos Trelles Rodríguez, cun tempo de 1 hora, 53 minutos e 41 segundos.

Na categoría feminina, a vencedora foi a gran favorita e campioa galega de Trail Aroa Sío Recknold (Race Land / Hoka One One) cun tempo de 2 horas, 12 minutos e 59 segundos que lle permitiron entrar no posto 23 da clasificación xeral. Se cómoda foi a vitoria de Luís Calvo, moito máis holgada foi a de Aroa Sío, que cun ritmo de 5 minutos e 32 segundos por quilómetro avantaxou na liña de meta en case 20 minutos á segunda clasificada, Verónica Calvo Dopazo (CDM Vértice), que chegou no posto 65 cun tempo de 2 horas, 31 minutos e 35 segundos. Completou o podio Nazareth Tilve Costas (Ultra Life Team) cun tempo de 2 horas, 32 minutos e 55 segundos.

A esixencia deste Trail Longo de 24 km, no que participaron 144 corredores e corredoras, queda demostrado no feito de que algunhas destas persoas aínda non entraran na meta pasadas as 4 horas de proba.

Trail curto

No que atinxe ao Trail Curto, a proba tivo un “toque” familiar e reforzou o éxito do atletismo nicrariense nesta proba. Así, a vitoria foi para Rubén Martínez Mayo (Club Atletismo Negreira) cun tempo de 1 hora, 11 minutos e 37 segundos, cun ritmo de 4:28 por quilómetro. O segundo posto foi para o norteamericano Travis Cole Neuman (Lodeiros Trail) cun tempo de 1 hora, 13 minutos e 14 segundos. Completou o podio o irmán do primeiro clasificado, Carlos Martínez Mayo (Club Atletismo Negreira), cun tempo de 1 hora 15 minutos e 15 segundos.

Na categoría feminina, o trunfo foi para Laura González Couce (Coutadas Trail Team), que entrou no posto 31 da xeral cun tempo de 1 hora, 32 minutos e 53 segundos. Segunda foi Beatriz Barroso Pérez (Tribul Trail) cun tempo de 1 hora, 33 minutos e 37 segundos. Laura Núñez Naveira foi terceira cun tempo de 1 hora, 42 minutos e 17 segundos.

Entrega de premios

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e o presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero, foron os encargados de entregar os premios aos seis gañadores, que tamén recibiron un obsequio cortesía de Lurbel, entregado por José Luís Nava Ruíz. Así mesmo, os seis atletas recibiron un agasallo de produtos artesanais elaborados en Lousame como licor de Berrimes, mel e mel en panal de Merelle e marmelada de pemento de Padrón elaborada na Casa da Castrexa (Tállara).

Así mesmo, Néstor Romero fixo tamén entrega dun cheque por 2.655 euros á presidenta da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH), Loló Suárez, recadados entre os 382 participantes na andaina. Uns cartos que serán entregados ao equipo do doutor Federico Martino Torres, do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, para continuar coas investigacións sobre esta enfermidade ultrarrara e que supón duplicar os 1.300 euros achegados na primeira edición.

Desenvolvemento da proba

O tempo acompañou durante toda a xornada pois, se ben comezamos a mañá con temperaturas de entre 1 e 2 graos, segundo foi avanzando a mañá quedou un tempo moi agradable para practicar deporte. As probas desenvolvéronse sen ningunha incidencia grave, máis aló das típicas escordaduras, cambras e tiróns musculares típicos deste tipo de probas. Para palialos no posible, a organización puxo este ano a disposición dos participantes un servizo de fisioterapia a cargo de Fisioterapia Cinesia.

Iso si, as choivas caídas durante a semana pasada deixaron partes do circuíto bastante esvaradías, tal e como advertiron aos corredores antes da saída, en especial nas zonas próximas aos ríos. Durante a mañá, todas as persoas que o desexaron puideron visitar o museo das Minas de San Finx onde a encargada das visitas no centro de interpretación, Mayte Sobradelo, lles fixo un breve relato da historia deste enclave. Durante a saída e a chegada, os altetas estiveron acompañados por un xinete caracterizado o médico das minas, Don Teo.

Durante o percorrido polos montes lousamiás, os participantes estiveron vixiados por tres ambulancias de Cruz Vermella de Noia, membros de Protección Civil de Lousame, Mazaricos, Boiro, Noia, así como por voluntarios de Senda XXI, Club BTT O Treito e efectivos do voluntariado local, que sumaban máis de medio cento de persoas ás que a organización agradece a súa desinteresada e fundamental colaboración para o desenvolvemento deste tipo de eventos.

O Trail estivo organizado polo Club Lousame Deporte e o Concello de Lousame e contou coa colaboración das empresas Fermín Simal Construcións, Autos Comparado, Grupo Nosa, Frutas Vanesa, Nurtisport, Lurbel, Canaltec, Fisioterapia Cinesia e Trabandainas.