Os deportistas poderán obter unha axuda de ata 9.000 euros
A Fundación Deporte Galego vén de convocar a través do Diario Oficial de Galicia, a primeira fase das Axudas a Deportistas Galegos de Alto Nivel, baixo a denominación de Axudas GaliciaRío Excelencia Deportiva.
Esta convocatoria enmárcase no habitual plan de axudas á preparación de deportistas DGAN, e á vez ten en conta que 2014 e 2015 son anos previos aos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Río 2016. Por esta singularidade e co fin de optimizar as axudas de xeito que sexan o máis operativas e beneficiosas para os deportistas destinatarios, este ano decidiuse establecer unha convocatoria en dúas fases, sendo a primeira a publicada hoxe, á que sucederá unha segunda a principios do ano 2015 para o resto de deportistas DGAN que non se beneficien da primeira fase de axudas.
Segundo as bases dispoñibles na sede da Fundación Deporte Galego e na web deporte.xunta.es, dende hoxe ata o 15 de decembro os deportistas poderán solicitar unha das dúas liñas establecidas: Axudas Excelencia GaliciaRío, destinadas aos que teñan participado en Xogos Olímpicos e Paralímpicos anteriores e que continúen a prepararse para a vindeira edición de Río 2016, e as Axudas Excelencia DGAN 1-2-3, dirixidas a deportistas que teñan acadados os máis altos resultados en competicións deportivas internacionais da súa modalidade, sexa olímpica ou non. Na primeira liña de actuación, os deportistas poderán recibir un máximo de 9.000 euros de axuda, mentres que no segundo tipo de axudas a contía máxima acada os 5.000 euros.