A mostra pictórica poderá visitarse até o 31 de xaneiro
Cores contrastadas e vivas, trazos anárquicos só en aparencia e temas “difíciles de tratar” poboan desde este venres 28 de decembro o branco da Galería do Concello. Máis dunha vintena de cadros de distintos tamaños reunidos na colección “Introspección”, da pintora e poeta Adolfina Mesa, que poderemos visitar ata finais de xaneiro. A artista xa expuxo en San Sadurniño en anteriores ocasións con pezas centradas na muller, na reivindicación da igualdade e no convite á reflexión sobre a violencia de xénero. Agora desprega un compendio da súa creatividade, enmarcada por ela mesma no expresionismo abstracto.
A obra de Mesa abrangue paisaxes, naturezas mortas florais e figuras femininas. Este último eixo temático cobrou forza na súa traxectoria pictórica nos últimos tempos por medio de espidos e retratos cos que busca plasmar a sensibilidade, a beleza e ao mesmo tempo a fortaleza e valor que ten a muller dentro da sociedade.
A ficha que acompaña a exposición aberta hoxe na Casa do Concello sinala a teima da artista por afondar no ámbito do feminismo e achegando metáforas visuais sobre os dereitos, o valor e a posición da muller en todos os ámbitos, tamén na arte. “O título da exposición é “Introspección”: tratar desde o máis profundo, desde o coñecemento a visión sobre temas que son moi difíciles de ver e de tratar socialmente”, comenta a autora.
A colección que trouxo ata San Sadurniño aborda tamén a paisaxe botando man “dunha policromía extensa” que, ao tempo, exhibe a súa propia evolución temática e técnica. “Case toda a obra son cadros acrílicos sobre madeira, lenzos en papel, pero tamén emprego espátula e pincel” explica Adolfina Mesa, quen engade que todas teñen en común “a forza e a garra” que ela lle imprime ao seu xeito de de pintar. Un estilo que serve de válvula de escape “para a necesidade que teño como artista de transmitir o que estou plasmando en canda momento”.
“Introspección” vai á procura dun estado de reflexión a través do cromatismo asociado á poesía e á pintura, “quizais para mitigar a dor e a realidade social”. A artista tenta reflectir todas as emocións e sentimentos, “buscando xerar espazos novos, transmitindo sensacións” e tentando mirar o interior “tanto propio como do espectador”.
Estampas de conflitos sociais na vida actual, estados anímicos e do ser con cadros cargados de cor que revisten de beleza as situacións máis grises. Trazos firmes cheos de movemento, pero tamén de musicalidade, poesía, forza e misterio que son, en esencia, “poesía visual”.
A exposición permanecerá na Galería da Casa do Concello ata o 31 de xaneiro. Pode visitarse de luns a venres no horario de apertura das instalacións municipais, é dicir, entre as 8.30 e as 14.30h.