Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Frades e a Deputación da Coruña investirán 72.000 euros na mellora dos polideportivos de Ponte Carreira e Abellá


Tras a sinatura do convenio, o alcalde instou ao presidente provincial a acelerar a licitación das obras das novas beirarrúas de Ponte Carreira

O Concello de Frades e a Deputación da Coruña investirán 72.532,69 euros en actuacións de mellora nos dous polideportivos municipais, emprazados nas localidades de Ponte Carreira (Gafoi) e Abellá. Así se recolle no convenio subscrito esta maña polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde fradense, Roberto Rey Martínez. A achega provincial será de 58.026,15 euros (o 80% do investimento total), mentres que os 14.506,54 euros restantes serán financiados polo Concello de Frades con fondos propios.

A principal actuación terá lugar no pavillón de Ponte Carreira, onde se instalará un novo pavimento vinílico indoor multideporte de 2 milímetros de espesor, acabado en madeira e reforzado con malla de fibra de vidro, sobre unha capa de espuma de alta densidade. Este novo pavimento, que substitúe ao actual de formigón armado, permitirá unha maior comodidade ás persoas que practican deporte no pavillón .

A maiores retiraranse as proteccións laterais de madeira, que serán substituídas por novos paneis protectores de PVC con espuma de polietileno de alta densidade de 2 centímetros de espesor. Así mesmo, montaranse protectores de esquina nos piares da entrada. As obras inclúen tamén o pintado interior do pavillón, a instalación dunha varanda de aceiro nas escaleiras de acceso interiores e a substitución do alumeado do recinto por novos focos de tecnoloxía LED, o que mellorará a calidade lumínica e reducirá o consumo eléctrico desta instalación deportiva.

O convenio asinado hoxe tamén recolle a renovación do alumeado das pistas de pádel do polideportivo de Abellá, que será substituído por novas luminarias LED, así como o pintado da instalación.

Beirarrúas de Ponte Carreira

Tras a sinatura do convenio, o alcalde de Frades interesouse polo estado actual do proxecto de arranxo das beirarrúas de Ponte Carreira, presentado polo Concello de Frades a principios de 2014 e que fora aceptado polo anterior Goberno Provincial. Roberto Rey explica que “o presidente provincial díxonos que o proxecto, que elaborou e pagou o Concello de Frades, sairá a licitación nos próximos meses, unha vez que xa está superada a fase de exposición pública e de resolución de alegacións”.

Neste sentido, o alcalde volveu pedirlle celeridade ao presidente provincial pois “se trata dun tramo de beirarrúas que se atopa moi deteriorado, no que o Concello leva tempo parcheando pero é unha zona de moito tránsito peonil, xa que une o núcleo de Ponte Carreira co colexio, co pavillón municipal e coa igrexa parroquial”. O proxecto elaborado polo Concello de Frades acumula xa un atraso de máis de catro anos, despois de que recibira o visto bo do anterior presidente provincial, Diego Calvo. Tras o cambio de Goberno, o proxecto retomouse en xuño de 2016, tras unha reunión mantida polo alcalde fradense e o actual presidente da Deputación. Finalmente, o pasado 14 de setembro o proxecto foi aprobado por unanimidade polo Pleno da Deputación.

O proxecto de renovación das beirarrúas entre o núcleo de Ponte Carreira e o colexio suporá un investimento de 198.734,29 euros na reconstrución de 1.360 metros de beirarrúas á beira da estrada CP-3082 Ordes-Ponte Carreira. As obras incluirán a mellora da contorna, coa colocación de 19 alcorques para acoller árbores, a canalización do alumeado público e a instalación dunha varanda metálica de 346 metros para mellorar a seguridade dos peóns, en especial dos moitos nenos e nenas que empregan a diario estas beirarrúas.