Calurosa homenaxe a entidades, clubs, asociacións e personalidades destacadas en recoñecemento ao seu labor. Iván Raña foi un dos galardoados neste acto ao que acudiron centenares de persoas
Centos de persoas asistiron á I Gala do Deporte organizada polo Concello de Ordes e que tivo lugar no pavillón Castelao I na tarde de onte. En total repartíronse 50 premios a figuras destacadas, clubs, asociación, entidades e escolas deportivas.
Desta maneira o Concello de Ordes, e máis concretamente o Departamento de Deportes, quixo agradecer e recoñecer “o moito que os deportistas de ordenses fan en prol de cantos teñen o privilexio de ter nacido e de vivir neste Concello”. Así o expresou Ana Soneira, alcaldesa en fucións. “ Trátase de persoas que sementan valores imperecedoiros que nos fan mellores e nos aportan cualidades para construír unha sociedade de sólidos valores humanos”. Soneira tamén sinalou “o compromiso firme deste Concello para a práctica do deporte en nenos e adultos, mellorando as instalacións deportivas e apoiando economicamente aos diferentes clubs e entidades”.
A tamén concelleira de Deportes aportou cifras. Destacou os 850.000 € euros investidos nos últimos tres anos e medio para a mellora de instalacións. Tamén falou dos proxectos enfocados para o próximo 2019, como son a reforma do pavillón do Mesón do Vento, o campo de fútbol de herba artificial de Montaos, as melloras na piscina climatizada ou a xaula de lanzamento homologada nas instalacións do club de atletismo.
Entre as autoridades que pudieron escoitar atentamente estes datos estiveron, ademais dos membros do equipo do Goberno e demais representantes da corporación local, o presidente da Mancomunidade de Ordes e alcalde de Frades, Roberto Rey, e o rexedor de Trazo, José Dafonte Varela.
Figuras destacadas
Sen dúbida, un dos momentos máis emotivos foi cando se oíu o nome de Iván Raña, quen de mans de Ana Soneira recibiu a réplica en cerámica da fachada da antiga Casa Consistorial de Ordes. Raña tivo palabras de agradecemento para o Concello e tamén para os seus, que precisamente se atopaban no patio de butacas. Tanto os seus pais, Lina e Manuel, como varios dos seus irmans arrouparon durante toda a tarde ao campión mundial. Foron os seis pais quenes lle entregaron unha foto en grandes dimensión de todos eles ataviados co seu atuendo de deportistas e enriba do podio que o Concello de Ordes soe empregar nas súas citas competitivas.
Outro momento vivido de xeito especial foi cando Herminio Rial, gran atleta en cadeira de rodas, foi nomeado para recoller o seu galardón. Ninguén, ao igoal que acontecera con Iván Raña, puido permanecer sentado nin deixar de aplaudir. Tamén emocionaron as lágrimas de Cristobo Boudjenane Núñez, excepcional taekwondista e alma mater do Club Boudsport. Sobresaínte foi tamén o palmarés “da mellor atleta ordense”, a veterana Ánxeles Rodríguez sobradamente coñecida por todos e por todas. Todo o auditorio puido escoitar e ver, nesta ocasión por vídeo mensaxe, a Santiago Moar, futbolista ordense que actualmente milita co New México en EEUU e cuxo premio foi recollido polo seu pai. O público agradeceu considerablemente as palabras do delegado de hockey e actual adestrador de porteiros do A.C. Órdenes, José Luis Huelves, quen manifestou sentirse “ordense de corazón”.
O listado de galardoados na gala completouse coas seguintes entidades: Asociación Enfeitizados (Aikido), Club Atletismo Ordes, Club SEO, Asociación Cultural Cabaleiros de Ardemil, Jogafán Fútbol Sala, Club Patinaxe Galia, Asociación de Taekwondistas da Comarca de Ordes, A.C. Órdenes e o Club Chave Leira. No eido futbolístico tamén estarán presentes: A.D. Vila de Ordes, O Mesón do Vento C.F. Veteráns, S.D.C. Órdenes, S.D.C. Órdenes Veteráns, S.D. Santa Cruz de Montaos e Veteráns Ordes. O mundo do motor estará representado por Manuel Sánchez Bouzas, Iván Muíño Liñares, José Antonio Iglesias Morandeira, María Regos Muíño, Manuel e Óscar Pedreira Louro.
Becas
Tamén se lles brindou un recoñecemento especial a todas e a todos os deportistas becados polo Concello de Ordes. Por primeira vez este ano concedeuse unha serie de axudas económicas por un valor total de 6.000 euros “cifra que serán incrementada o vindeiro ano”, tal e como se avanzou. O obxectivo destas becas son contribuír co desenvolvemento da súa actividade deportiva e facilitar a súa participación en citas e competicións que teñan lugar fóra do termo municipal.
A gala contou tamén coas actuacións do Mago David e as dos grupos locais de Zumba Kids. Precisamente estes últimos foron os encargados de animar este acto conducido polo productor e deejay Toni Seijas e polos xornalistas Ana Pérez (TVG) e Pablo Quinteiro (Concello de Ordes).