Friday 22 de November de 2024

Asociacións e veciños de Corrubedo únense para conmemorar no 2019 os 1.100 anos do nacemento do pobo


O proxecto foi presentado onte ao alcalde Manuel Ruiz
Corrubedo cumpre 1.100 anos no 2019 e para celebralo un grupo de asociacións e veciños de Corrubedo están a artellar unha programación de actividades que comezará xa dende o momento das badaladas do 31 de decembro. A iniciativa foi presentada onte pola tarde ao alcalde Manuel Ruiz na Casa Consistorial.

Nesta reunión compareceron boa parte dos integrantes da directiva da nova asociación cultural constituída ao efecto, ‘Corrubedo 11 Séculos’, integrada pola Comunidade de Aguas da parroquia, a sección parroquial de Amas de Casa, o Club de Xubilados, a Asociación O Cabo, a Asociación Cultural Magna Barbantia e a Asociación de Propietarios do Cemiterio de Corrubedo. Así mesmo, están na directiva o concelleiro de Turismo Antonio Freire; Francisco Sánchez Fraga, Fernando Vilariño e Mary Flor Vidal como promores da nova entidade.

Colaboran ademais a Asociación Cultural Aulas Delicia, a Asociación Cultural A Farola, a Comisión de Festas de Corrubedo, o Coro Parroquial e a organización da festa de Candro Lle Cadra; e diversas persoas como Juan Luis Hermo (que está a crear unha páxina web para a asociación) ou Maxi Franco, que está traballando nun vídeo reportaxe.

Segundo informaron ao alcalde, a razón histórica para o nacemento da nova Asociación Cultural xurde do desexo de conmemorar o momento do nacemento do Coto de Corrubedo e da primeira vez en que a palabra “Corrubedo” aparece en documentos antigos para denominar o actual emprazamento do pobo. Así, de acordo con documentos do Arquivo de San Martiño Pinario, no 919 o rei Ordoño II doou aos monxes de San Paio de Antealtares o coto de Corrubedo, posiblemente dentro dun programa de colonización dos territorios libres de presenza musulmana.

Logotipo conmemorativo
A nova entidade Corrubedo 11 Séculos ten previsto realizar unha próxima presentación entre os veciños da parroquia, pero antes xa se efectuará a primeira das actividades previstas: consistirá en recibir o novo ano tomando as uvas no adro da Igrexa de Corrubedo, onde se aproveitará para presentar nunha pancarta o logotipo da Asociación, deseñado por membros da organización de Cando lle Cadra.

Conferencias, exposicións, actividades deportivas, festas, un xantar popular no día da patroa… son moitas as iniciativas que se están preparando, dúas das cales están en avanzado estado de xestación: a edición de dous libros sobre Corrubedo, ambos de Francisco Sánchez Fraga (“El Territorio y la gente” y “Mar de vida, mar de muerte”) e, por outra parte, a publicación dun mapa topo-talasonímico do cabo no que se recolleron os nombes dos lugars que o integran, ademais de pedras da costa, baixos e postas de pesca.

O alcalde Manuel Ruiz comprometeuse en apoiar esta importante iniciativa cos recursos do Concello.