Moitísimos veciños respaldaron coa súa presenza na noitiña de onte o acto de nomeamento da Casa da Cultura de Aguiño como Casa da Cultura ‘Manuel Ayaso’, unha decisión adoptada unanimemente polo pleno da Corporación, materializada agora co descubrimento dunha placa na entrada á instalación municipal.
O evento comezou baixo as notas do Marcha do Antigo Reino de Galicia para dar paso ás diversas intervencións institucionais por parte da concelleira Esther Patiño, de Ciprián Rivas, do propio Manuel Ayaso e do alcalde Manuel Ruiz.
Nun discurso cargado de emotividade, o pintor homenaxeado tivo palabras de cariño para a súa esposa e de recordo para o seu pai, que o apoio cando marchou para estudar Belas Artes pese a reticencia dalgúns veciños que lle auguraban que ía de morrer de fame.
Acto seguido se procedeu ao descubrimento da praza e dun tótem informativo da traxectoria do insigne pintor aguiñense, respecto do cal o alcalde avanzou que volverá a postular o seu nome para que a Xunta o distinga coa Medalla Castelao tal e como se merece.
A instalación alberga dende onte unha exposición permanente formada por dez gravados do autor en punta seca.