Friday 22 de November de 2024

Vivenda asina o contrato para executar a obra de urbanización interior da primeira fase do parque empresarial de Morás


O ámbito desta actuación, que foi adxudicada por un importe superior aos 3,7 millóns de euros, comprende máis de medio millón de metros cadrados, dos que aproximadamente 316.000 serán parcelas de uso industrial e comercial

A empresa pública Xestur, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de asinar o contrato para a realización das obras de urbanización interior da primeira fase (A) do parque empresarial de Morás, no Concello de Arteixo. Coa execución destas actuacións permitirase a implantación das primeiras empresas que xa teñen solo adxudicado en Morás, a maior actuación de solo empresarial que a Xunta está a acometer no norte de Galicia.

A obra foi adxudicada á empresa Acciona Construción S.A. por importe de 3.745.177,27 euros (IVE incluído) e o prazo de execución previsto é de oito meses. A urbanización da primeira fase do parque comprenderá unha superficie total de máis de 554.000 metros cadrados, nos que se obterán aproximadamente 316.800 metros cadrados de superficie destinada a parcelas de uso industrial e comercial e que contará con máis de 3.800 prazas de aparcamento.

Nesta primeira fase está incluído o terreo destinado ao emprazamento dos depósitos de auga que darán servizo á rede de abastecemento, rega e hidrantes e no que se instalará a subestación eléctrica que servirá a todo o parque empresarial. Tamén inclúe os espazos destinados á execución dos estanques de regulación de augas pluviais.

A fase A do parque empresarial de Morás contará con máis de 60 parcelas de uso industrial e comercial, con superficies que irán dos 1.000 aos 105.000 metros cadrados. Ata o momento, xa foron adxudicados 105.000 metros cadrados á empresa Aluman e máis de 43.000 metros cadrados a antigos propietarios de solo no ámbito do parque.

Coa execución dos traballos de urbanización da fase A do polígono de Morás, o investimento da Xunta de Galicia nesta gran área empresarial nos dous últimos anos supera xa os 12 millóns de euros.

Obras rematadas
As actuacións de urbanización que acaba de contratar Xestur non son as primeiras que se realizan nesta gran área empresarial. En setembro deste ano a empresa pública rematou a obra de explanación da plataforma K-3 e o Eixo 0 do parque, cun investimento global de máis de 3,1 millóns de euros.

A plataforma K-3 era a única que estaban sen explanar e a necesidade de realizar voaduras fixeron que a obra tivera que realizarse antes de iniciar as correspondentes á primeira fase do parque empresarial. Xunto coa explanación desta plataforma executouse tamén o Eixo 0 de Morás, que permite o acceso á K-3 e garantirá a circulación de maneira ordenada e en condicións axeitadas de seguridade polo ámbito unha vez se inicien as obras de urbanización interior do parque empresarial.

Tamén remataron o pasado verán os traballos de acondicionamento da estrada DP-0512 que atravesa o parque empresarial e constitúe un dos seus viais, actuación para a que se mobilizou un investimento de máis de 800.000 euros.

Accesos
Pola súa parte, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia de Infraestruturas de Galicia, xa licitou as obras de acceso ao polígono, cun investimento de preto de 4,4 millóns de euros. Trátase da execución dun enlace deste parque coa estrada autonómica AC-551, que consistirá na conexión do polígono empresarial coa A-6 e a AG-55 mediante un enlace tipo trompeta de catro ramais.
A estrada AC-551 comunica o enlace entre a autoestrada AG-55 e a autovía A-6 coa AC-552, na glorieta de Sabón, polo que o parque se atopa nun lugar óptimo para o acceso á rede viaria de alta capacidade (AG-55, A-6, AP-9) e moi próximo ao Porto Exterior da Coruña.
As obras consistirán na execución dos catro ramais do enlace e dun paso superior sobre a AC-551, sendo tamén necesaria a ampliación dun paso inferior baixo esta mesma estrada, que comunica co lugar de A Ponte. Mantense o actual trazado en alzado da estrada AC-551.
O obxecto desta actuación é dotar ao parque empresarial de Morás que está a desenvolver a empresa pública Xestur duns accesos que permitan o correcto desenvolvemento das actividades que se localizarán no mesmo.