Saturday 16 de November de 2024

O Campionato Galego Absoluto de Combate reunirá a máis dun cento de taekwondistas este sábado 22 de decembro en Noia


O pavillón municipal Agustín Mourís acollerá este sábado 22 de decembro o Campionato Galego Absoluto de Combate, que reunirá un máis dun cento de taekwondistas. “É a competición máis importante do ano, pois é condición imprescindible para formar parte da selección galega e poder participar no Campionato de España, que terá lugar en marzo”, explica José Manuel Salanova, presidente da Escola de Taekwondo Maniotas de Noia.

O concelleiro de Deportes, Ramón Santos, agradeceu o traballo realizado pola escola noiesa, “onde temos a sorte de ter moitos deportistas laureados” e salientou “o esforzo por organizar todos os anos unha proba de entidade do circuíto galego”. Un traballo para o que ofreceu a colaboración do Concello de Noia.

Salanova agradeceu o apoio municipal e convidou a veciñanza a pasarse polo pavillón municipal Agustín Mourís pois “de 9:30 a 13:30 horas poderán ver combates do máis alto nivel. Contaremos con máis dun cento de deportistas de toda Galicia e en Noia estará o melloriño do taekwondo, con medallados nacionais e internacionais”. A entrada é totalmente de balde.

Entre os participantes figuran seis deportistas da Escola de Taekwondo Maniotas, “catro que se estrean e participan para coller experiencia” e outros dous con serias aspiracións, como son Alberto Verea (bronce no Campionato de Europa Sénior celebrado a principios de decembro en Castellón) e Sara Toucedo.

O Campionato Galego Absoluto de Combate está organizado pola Federación Galega de Taekwondo, en colaboración coa Escola de Taekwondo Maniotas, o Concello de Noia, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e Deporte Galego.