O Concello brindaralle unha homenaxe a entidades, clubs, asociacións, escolas e deportistas. Terá lugar o venres ás 19 horas no pavillón Castealo I
O Concello de Ordes celebrará mañá venres, 21 de decembro, a súa I Gala do Deporte, na que se entregarán preto de 50 galardóns a deportistas, entidades, clubs, asociación e figuras destacadas do deporte dentro do ámbito municipal. A todas e todos eles se lles renderá unha merecida homenaxe.
O acto estará aberto a todas as persoas que queiran acudir. Terá lugar no pavillón Castealo I a partir das 19 horas (apertura de portas ás 18.45 horas) e terá unha duración aproximada de dúas horas.
A día de hoxe xa teñen confirmada a súa asistencia: Asociación Enfeitizados (Aikido), Club Atletismo Ordes, Club SEO, Asociación Cultural Cabaleiros de Ardemil, Jogafán Fútbol Sala, Club Patinaxe Galia, Asociación de Taekwondistas da Comarca de Ordes, A.C. Órdenes e o Club Chave Leira. No eido futbolístico tamén estarán presentes: A.D. Vila de Ordes, O Mesón do Vento C.F. Veteráns, S.D.C. Órdenes, S.D.C. Órdenes Veteráns, S.D. Santa Cruz de Montaos e Veteráns Ordes. O mundo do motor estará representado por Manuel Sánchez Bouzas, Iván Muíño Liñares, José Antonio Iglesias Morandeira, María Regos Muíño, Manuel e Óscar Pedreira Louro.
Ademais o acto servirá para brindarlle un recoñecemento especial a aqueles e aquelas deportistas máis sobresaíntes do concello, ou ben que desenvolven a súa actividade no termo municipal. Por suposto non faltará o triatleta e campión mundial Iván Raña. Outras presenzas notables serán as de Ánxeles Rodríguez del Río, campioa nacional de lanzamento de xavelina; Herminio Rial Naveiro, campión mundial de media maratón en cadeira de rodas; José Luis Huelves, adestrador de hockey, campión de Europa júnior e 119 veces internacional coa selección española; e Santiago Moar Sánchez, xogador de fútbol do Bethlehem Steele que compite na liga profesional de EEUU.
Becas
Tamén se lles brindarán un recoñecemento especial a todas e a todos os deportistas becados polo Concello de Ordes. Por primeira vez este ano concedeuse unha serie de axudas económicas por un valor total de 6.000 euros, das cales se beneficiaron 22 persoas. O obxectivo destas becas son contribuír co desenvolvemento da súa actividade deportiva e facilitar a súa participación en citas e competicións que teñan lugar fóra do termo municipal.
As actuacións do Mago David e as dos grupos de zumba animarán este acto que serán conducido polo productor e deejay Toni Seijas e polos xornalistas Ana Pérez (TVG) e Pablo Quinteiro.