Friday 22 de November de 2024

O Concello da Coruña aposta polo mantemento da cidade os 365 días do ano grazas a un equipo de intervención 24 horas


Unha mellor coordinación e xestión dos servizos de mantemento da cidade permiten gañar en axilidade e mellorar a atención ao cidadán

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou o equipo de intervención rápida 24 horas, un servizo dispoñible os 365 días do ano, que a área de Infraestructuras puxo en marcha para atender as demandas máis urxentes da cidade.
Trátase dun novo servizo que se pon en marcha, sen custo adicional para o Concello da Coruña, grazas a unha nova organización e a unha mellor coordinación dos diferentes servizos de mantemento que traballan na vía pública. Formado por unha furgoneta e 10 operarios que traballarán por quendas, terá as seguintes funcións:
. Sinalización de deficiencias na vía pública que poidan ocasionar risco para os cidadáns e dar traslado do aviso ao servizo de mantemento correspondente para reparación de carácter urxente.
. Inspección por barrios de danos na vía pública.
. Repararán incidencias que non ocasionen molestias como retirada ou colocación de mobiliario urbano, de sinais, de ramas e árbores caídas, de colectores, incidencias por temporais ou vandalismo.
. Darán traslado ao servizo correspondente para o resto de incidencias.
. Inspección da sinalización de obras na vía pública e corrección de irregularidades.
. Axudas para a sinalización aos servizos de emerxencias.
. Limpeza e pintado de morróns, varandas, bancos e outro mobiliario.
. Non realizarán traballos en horario nocturno que poidan ocasionar ruídos ou molestias aos veciños.
Grazas a este novo servizo, o Goberno local poderá dar unha mellor resposta ás incidencias urxentes que se poidan producir na cidade e gañar en rapidez, axilidade e efectividade, así como mellorar a intensidade da inspección de deficiencias en todos os barrios da cidade. En definitiva, trátase dunha nova aposta por mellorar a calidade urbana e a atención ao cidadán, que poderá seguir comunicando as incidencias da forma habitual, xa que serán os propios servizos municipais os que derivarán as actuacións a este equipo 24 horas cando sexa necesario.
SEMANA EN PROBAS
Antes da posta en marcha deste novo servizo, o Concello realizou unha semana de probas para poder perfeccionar e pulir as súas actuacións. Durante eses 7 días, o equipo resolveu un total de 126 incidencias, as máis numerosas estaban relacionadas con sinais, aínda que tamén tiveron que facerse cargo de papeleiras, colectores, morróns ou farois.