Do montante de 500.000 euros asignado pola Deputación, preto de 240.000 euros destinaranse a gastos correntes
A Corporación de Boqueixón celebrou unha sesión extraordinaria na que se deu luz verde aos proxectos que incluirá no Plan Único de Concellos POS+2019. Foron aprobados cos votos a favor do grupo de goberno e os votos en contra dos concelleiros da oposición.
Na súa intervención, o alcalde boqueixonés, Manuel Fernández Munín, lamentou que “este ano a partida destinada por parte da Deputación da Coruña para este plan viuse reducida en arredor de 180.000 con respecto á do ano anterior, polo que o esforzo investidor se atopa máis limitado. Aínda así, seremos quen de acometer un total de 25 actuacións que mellorarán as infraestruturas na maioría das nosas parroquias”.
Do montante de 509.517,38 euros do POS+2019, destinaranse ao financiamento de gastos correntes un total de 238.681,79 euros. Os 270.835,59 € restantes investiranse en máis dunha vintena de obras de mellora de infraestruturas viarias e servizos básicos no municipio. Todas elas agrúpanse en dous grandes bloques:
a) Mellora do firme viario de Noente a Sucira e outros, por valor de 106.910,74 euros. Este proxecto inclúe as seguintes actuacións:
– Mellora do firme viario de Noente a Sucira (parroquias de Ledesma e Sucira)
– Ampliación do saneamento en Gastrar (Gastrar)
– Mellora do firme viario dende a igrexa de Pousada a AC-960 (Pousada)
– Mellora do firme viario en Ardilleiro Grande (A Granxa)
– Mellora do firme viario en A Pena (Loureda)
b) Mellora do firme viario de Ardesende a Engas e outros, por 163.924,85 euros, que inclúe os seguintes proxectos:
– Mellora do viario de Ardesende a Engas (parroquia de Codeso)
– Mellora do viario da Casa da Cultura de Camporrapado (Oural)
– Mellora do firme en acceso a Deseiro de Abaixo (Sergude)
– Mellora do firme no núcleo de Deseiro de Abaixo (Sergude)
– Mellora do firme en acceso a Picota (Lestedo)
– Mellora do firme e acceso a Ardarís (Lestedo)
– Mellora do firme do viario de Igrexa cara a N-525 (Lestedo)
– Mellora do firme de acceso en Barbeito-Villalapaz (Oural)
– Mellora do firme do viario de Lubián-Pardiñeiro-León (Oural)
– Mellora do firme do viario de Pardeiñeiro-León a límite municipal con Touro (Oural)
– Mellora do firme do viario entre Caneda e Midón (Loureda)
– Mellora do firme de viario en Outeiro (Loureda)
– Mellora do firme de viario de Agra cara Loureda (Loureda)
– Mellora do firme do viario de Espiñeira a Senande (Lamas)
– Mellora do firme de viario en Manlle de Arriba (Lamas)
A sesión extraordinaria de hoxe tamén aprobou, cos votos a favor do goberno e a abstención da oposición, o convenio de colaboración entre os Concellos de Boqueixón e de Vedra para o abastecemento de auga en territorio vedrés. O acordo permitirá o abastecemento de auga a un total de 3.285 habitantes do municipio de Vedra, supoñendo máis da metade da súa poboación.
“O prezo de m3 de auga abastecido será de 0,3288 €/m3 (+ IVE), que será válido durante todo o ano 2018 e 2019, actualizándose en función do IPC interanual a 31 de decembro”, tal como establece o texto do convenio. Este acordo de servizo de abastecemento de auga ao Concello de Vedra terá “unha duración máxima de catro anos”.
Finalmente, deuse luz verde por unanimidade á modificación de vogalías da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero. Neste caso, a vogal titular do centro médico será María José Otero Ferreiro, e a vogal titular da Xefatura da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en A Coruña pasa a ser María Isabel Álvarez García.