O Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal ven de restaurar unha escultura do século XVIII. Dentro das iniciativas promovidas por este centro, as medidas de adquisición, a conservación e o restauro de fondos patrimoniais da súa colección, son unha das funcións prioritarias das labores diarias da Casa Museo.
Así, logo de que o proxecto técnico para acometer a intervención acadase a preceptiva autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural – Xunta de Galicia, a firma Alfa Restauración de Santiago de Compostela, encargouse da posta en valor desta peza de arte de alta época.
Trátase dunha imaxe que representa a San Xoán Evanxelista, o padroeiro dos escritores, que foi tallada en madeira de castiñeiro e policromada con vivos colores no período 1760-1770.
Precisamente, durante as labores de restauración puidéronse eliminar grosas capas de verniz e de pinturas escuras, así como unha falsa peana, que desfiguraban o concepto primitivo da talla, devolvéndose á figura as carnacións e as cores do vestiario orixinal do século XVIII.
Dos traballos a que foi sometida esta peza singular queda no Museo o documento de memoria da restauración profesional a que foi sometida.
Desde este mércores, 19 de decembro, e durante todo o mes de xaneiro de 2019, a talla recuperada permanecerá exposta ao público dentro das salas da Torre de Bermúdez, co fin de animar as visitas interesadas polo patrimonio cultural nun período vacacional dado ao lecer familiar.