Ás reclamacións en materia de obras e saneamento, este ano os socialistas ordenses solicitan 7.000 euros para a posta en funcionamento do ascensor do IES nº 1
A Agrupación Socialista de Ordes vén de presentar no Parlamento de Galicia, a través do grupo parlamentario socialista, unha serie de emendas aos orzamentos da Xunta para 2015 por un importe de 2.871.000 euros. O secretario xeral dos socialistas ordenses, Xesús Pedreira, indica que “un ano máis e xa van cinco seguidos, a Xunta de Galicia volve a castigar a Ordes sen ningún tipo de investimentos no seu proxecto de Orzamentos para 2015” e ironiza dicindo que “aínda que este ano o PP poderá presumir de que a comarca de Ordes si que está contemplada nos Orzamentos, cunha partida de 420 euros para mantemento de aplicacións informáticas e a repartir entre os sete concellos da comarca”.
Para o secretario xeral dos socialistas ordenses, “a Xunta volve a actuar de xeito partidista e castiga aos municipios que non teñen un Goberno do Partido Popular, aínda que iso supoña deixar á veciñanza sen obras fundamentais, que xa estaban comprometidas pola propia Xunta e que non se acometen por razóns meramente de interese electoral”. Por esa razón, os socialistas de Ordes presentaron no Parlamento de Galicia unha serie de emendas aos Orzamentos da Xunta de 2015. “Para que non critiquen que pedimos demasiado, desta vez incluso baixamos as nosas peticións en máis de dous millóns de euros, aínda que nos tememos que nos toparemos unha vez máis coa intransixencia do PP, que incluso será quen de negarlle aos estudantes do IES nº 1 de Ordes os 7.000 euros precisos para a posta en marcha do ascensor, aínda que iso supoña incumprir as leis que a propia Xunta dicta”.
Relación de investimentos
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é a que concentra o maior número de emendas. Este ano, a preocupación do PSOE de Ordes céntrase en materia de saneamento e abastecemento de augas, nas que solicitan a execución de catro proxectos por un importe de 1.134.000 euros. Así, os socialistas de Ordes solicítanlle á Xunta de Galicia que teña en conta a petición aprobada polo pleno municipal ordense e destine 600.000 euros á mellora da estación de tratamento de auga potable de Ordes, unha instalación antiga e que na actualidade se atopa con fendas que fan temer pola súa integridade. Ademais, solicítanse 239.000 euros para mellorar a calidade da auga dos veciños e veciñas do Mesón do Vento (Ardemil), que teñen que aturar unhas augas moi ferrosas nas súas billas.
Os socialistas de Ordes solicitan 160.000 euros para rematar o abastecemento de auga e o saneamento de Reboredo-A Gorita, obra que xa foi iniciada polo Concello de Ordes con cargo ao POS da Deputación diante da inacción da Xunta de Galicia; así como outros 135.000 euros para o abastecemento e saneamento dende A Brea (por Orelláns, Porta do No) e con depuradora no encoro de Vilagudín (onde se dá o paradoxo de que existe unha instalación pero non pode ser utilizada pola veciñanza porque non están rematadas as obras).
Así mesmo, os socialistas de Ordes volven solicitarlle á Xunta 1,2 millóns de euros para a mellora e ampliación da estrada Ordes-Cerceda por Mercurín, despois de que o Goberno Central recoñecese recentemente que o convenio comprometido en 2008 ao abeiro do Plan Míner caducara por falta de vontade política por parte da Xunta de Galicia.
Finalmente, os socialistas manteñen a súa reclamación de 500.000 euros para a elaboración dun Plan Estratéxico para o Sector Téxtil da Comarca de Ordes e unha achega de 30.000 euros para o Museo do Traxe Juanjo Liñares, “que nunca recibiu achega ou axuda ningunha por parte da Xunta de Galicia e está sufrindo problemas de humidades”, denuncia o concelleiro socialista.