Sunday 24 de November de 2024

A Xunta de Galicia executa obras de conservación e mellora en 7 estradas da zona do Barbanza por máis de 640.000 euros


As obras teñen como obxectivo mellorar a seguridade viaria e as condicións de confort e comodidade dos usuarios

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está realizando nun total de sete estradas autonómicas dos municipios de Lousame, Noia, Rianxo, Boiro, Outes, Mazaricos e Dodro diversas obras de conservación e mellora destas vías, que suman un orzamento de 643.600 euros.

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou algunha destas actuacións, que se atopan en diferentes estados de execución e destacou que “a Consellería de Infraestruturas e Vivenda persegue dous obxectivos a través destes proxectos, dunha banda lograr que a rehabilitación do firme permita prolongar a vida útil do pavimento das estradas e, pola outra, incrementar a seguridade viaria para condutores e peóns”.

Se ben cada unha das actuacións ten as súas propias particularidades, en xeral os proxectos buscan mellorar as condicións de confort e comodidade mediante o reforzo localizado do firme das estradas. Realizaranse microaglomerados en zonas que presenten fisuras e non estean deformados. Para os tramos máis deteriorados fresarase o asfalto actual para a súa total substitución. Ademais tamén se reforzará cunha nova capa asfáltica os tramos con máis tráfico.

Os proxectos tamén contemplan a mellora na drenaxe en varios puntos, a construción de cunetas de seguridade, a instalación de barreiras metálicas en puntos de risco así como a reposición da sinalización horizontal e vertical que se atope deteriorada.

Ademais, estes traballos tamén permitiron a reconstrución da ampliación do pontón da estrada AC-400 na localidade de A Braña, Mazaricos, substituíndo o taboleiro afectado por un problema de fisuración do firme, encaixando no lugar unha nova estrutura e colocando un novo peitoril metálico.