Papá Noel visitou aos nenos e nenas de Preescolar na Casa e das dúas casas niño do municipio
Xornada de máxicas visitas en Frades. Por unha banda, os nenos e nenas de Infantil e Primaria do CPI de Ponte Carreira recibiron a visita do Paxe Real e do Carteiro Real, que lles recolleron as súas cartas para os Reis Magos e lles entregaron unhas lambetadas. Ao mesmo tempo, Papá Noel e o seu axudante elfo visitaban aos meniños e meniñas de Preescolar na Casa e das dúas casa niño de Frades, onde escoitaron as súas peticións de agasallos e recolleron as súas cartas, que intercambiaron por lambonadas e diferentes creacións de globoflexia.
Estas visitas abren o programa especial de Nadal do Concello de Frades, que culminará o venres 4 de xaneiro coa tradicional cabalgata e festa de Reis. O Concello de Frades lembra que este venres 21 de decembro remata o prazo para inscribirse nos Campamentos Municipais de Nadal, que terán lugar ao longo de 8 días coincidindo coas vacacións escolares de Nadal.
Este campamento está dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos e terá lugar no multiúsos de Frades, de 9:30 a 13:30 horas, os días 24, 26, 27, 28 e 31 de decembro e do 2 ao 4 de xaneiro. O prezo mantense nos 25 euros para persoas empadroadas, cun desconto de 5 euros para o segundo irmán/á. As persoas non empadroadas aboarán 35 euros.
Programa de Nadal
Para este sábado 22 de decembro está programado un espectáculo para bebés ata 3 anos, “A alfombra máxica”, da compañía Babaluva. Unha actuación que terá lugar no multiúsos ás 11:30 horas. A entrada é gratuíta, se ben é preciso anotarse no Concello de Frades antes do 21 de decembro.
O próximo mércores 26 de decembro terá lugar a Gran Festa de Nadal, de 16:00 a 20:00 horas. Comezará ás 16:00 horas cun concerto especial de María do Ceo, coas súas “Cancións infantís para nenas e nenos”. A partir das 17:30 horas terá lugar unha gran festa con música, xogos, mascota e obradoiros de Nadal a cargo de Duende Sico á que están convidados todos os nenos e nenas de Frades. A entrada é de balde, se ben por razóns de loxística é preciso anotarse antes do 21 de decembro.
Así mesmo, o Programa de Nadal de Frades inclúe dúas excursións, para as que é preciso inscribirse previamente no Concello (981 695 567) e nas que os/as menores de 12 anos deberán estar acompañados por unha persoa adulta. A primeira é a tradicional visita ao parque de atraccións de Xuvenlugo, que terá lugar na tarde do venres 28 de decembro. O prezo será de 5 euros para persoas empadroadas e de 8 para non empadroadas.
Para o mércores 2 de xaneiro queda unha saída á pista de xeo de Área Central e unha sesión de cinema no centro comercial As Cancelas. O prezo é de 15 euros para persoas empadroadas e 20 para as non empadroadas (xantar incluído). Neste caso é obrigatorio levar luvas e aconséllase levar gorro e bufanda.
A programación culminarase o venres 4 de xaneiro coa cabalgata e festa de Reis, que terá lugar de 16:00 a 20:00 horas. Así, ás 16:00 sairá o desfile polas rúas de Ponte Carreira ata o pavillón polideportivo municipal, onde a partir das 17:00 horas terá lugar unha gran festa con inchables, animación, bailes, canón de neve, xogos, obradoiros, mascotas, lambonadas e chocolate con roscón de reis para todas as persoas que asistan.