Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño agasalla con produtos locais ao seu persoal


 

Desde hai once anos o persoal municipal recibe un pequeno cartucho de Nadal con produtos elaborados na súa maioría por pequenas explotacións da comarca. Queixos, marmelada, mel, gallletas, un licor, sidra e outros artigos conforman o agasallo que recibirán este mesmo xoves as 42 traballadoras e traballadores do Concello. Da selección e preparación das cestas encargouse este ano a Agroalimentaria do Eume, unha asociación sen fins de lucro que comercializa alimentos frescos e transformados de toda a volta, co fin de deixar na produción a maior parte do valor engadido.

O ámbito de actuación da Agroalimentaria abrangue desde A Coruña até o Ortegal en canto aos puntos dos que proveñen os alimentos que comercializa, aínda que o seu alcance á hora de distribuílos é practicamente ilimitado, gracias a que dispoñen de tenda en liña.

A súa filosofía baséase no chamado comercio de “quilómetro cero”, que busca achegarlle ao consumo os produtos agrogandeiros -e tamén mariñeiros- que se cultivan, se colleitan e se crían en zonas cercanas, de xeito que practicamente non hai intermediacións entre quen produce e quen compra. Así lógrase un prezo máis xusto para as explotacións que, ademais, lle ofrecen aos consumidores e consumidoras maior confianza en canto a calidade.

O Concello de San Sadurniño comezou a repartir as cestas de Nadal entre o seu persoal aló polo 2007. Sempre apostando por produto de calidade e, se é posible, por produto local. O responsable das áreas de Xestión interna e Desenvolvemento local, Manolo Varela, sinala que nesta ocasión “volvemos facer un cartucho onde os produtos son todos galegos e case todos da nosa zona ou de relativamente preto. É unha maneira de promocionar a calidade que temos preto de nós e tamén de dar exemplo desde a Administración local para que a xente tamén se sume ao compromiso coa produción e o comercio de proximidade”.

Varela sinala que se ben a cesta “non é grande en tamaño”, si reúne un variado mostrario de produtos “todos exquisitos”: unha botella de licor, quexos do Casal e Brigantia, marmelada Arela, un surtido de repostaría das Pontes, mel elaborado na Casa do Mel, galletas “Maruxas” de nata, turrón de chocolate con arroz “Antoxo” e sidra Maeloc “que tamén sae de mazás recollidas en San Sadurniño”, explica o concelleiro.

Horarios de atención durante o Nadal
Ademais de informar sobre o contido do cartucho que se lle entregará o xoves ao persoal municipal, Manolo Varela tamén lembrou que o Concello, coma todos os anos, estará pechado os días 24 e 31 de decembro.

Con todo, eses días seguirase podendo rexistrar documentación a través da Sede Electrónica. Cómpre ter en conta, polo tanto, que o venres 28 será o último día para entregar presencialmente nas oficinas a solicitude de bonificacións no IBI. Na sede electrónica, coma calquera outra petición tramitada a través desta plataforma, o prazo remata o 31.

Por outra banda, desde o Concello tamén se informa que a arquitecta municipal atenderá consultas os días 26 de decembro e 2 de xaneiro en horario de 10 a 14.00h.