As obras consistiron na retirada da vella ponte que estaba en estado ruinoso e a construción dunha nova estrutura de case 30 metros de lonxitude e seis de ancho
A Consellería do Medio Rural destinou algo máis de 300.000 euros na construción dunha nova ponte sobre o río Furelos, que conecta os concellos de Melide e Toques. “Trátase dunha obra de gran importancia a nivel local, porque permite mellorar a mobilidade no rural e, consecuentemente, a calidade de vida dos veciños destes dous concellos coruñeses”. Así o destacou o conselleiro José González na inauguración desta infraestrutura, na que tamén estiveron presentes a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e os alcaldes de Melide, Dalia García, e de Toques, Miguel Ángel Buján.
As obras consistiron na retirada da vella ponte que estaba en estado ruinoso e a construción dunha nova estrutura de case 30 metros de lonxitude e seis metros de ancho. Ademais, adecuáronse os viarios de acceso á ponte con regos asfálticos, con lonxitudes de 475 metros no lado de Melide e de 330 metros no lado de Toques.
O conselleiro sinalou que esta obra é froito dunha reclamación histórica dos veciños da zona e, máis en concreto, do colectivo de pescadores da asociación de pesca Río Furelos. Con esta actuación, engadiu o titular de Medio Rural, non só se facilitan as comunicacións senón que se dota á poboación dos servizos básicos necesarios para vivir dignamente no rural.
Pola súa parte, a conselleira Ángeles Vázquez salientou que esta obra é moi importante a nivel medio ambiental, xa que os traballos redundan na mellora e conservación desta zona natural, un punto de encontro de pescadores por ser o río Furelos un río troiteiro. Agradeceu o empeño da Asociación de pesca Río Furelos para actuar neste punto, promovendo así o coñecemento e posta en valor da contorna natural e biodiversidade, en definitiva, promovendo a súa protección. Finalmente salientou o papel da pesca fluvial, unha actividade que aglutina ambas vantaxes, ao ofrecer coñecemento sobre o medio natural e o comportamento dos peixe e tamén ten potencialidade como dinamizador da contorna e do turismo de natureza.