A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta tarde co presidente do grupo de desenvolvemento rural Mariñas-Betanzos, José Antonio Santiso, para falar do futuro deste espazo natural
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e representantes do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Mariñas-Betanzos, entidade xestora da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, mantiveron unha reunión de traballo na que abordaron diferentes proxectos de interese para a posta en valor deste espazo natural.
O presidente do GDR e tamén alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, trasladoulle á conselleira o seu interese en impulsar varias iniciativas relacionadas con esta zona, que puxo como exemplo e modelo de boas prácticas medioambientais e transferencia de coñecementos, e da que tamén resaltou o seu bo funcionamento interno.
Ángeles Vázquez amosouse moi interesada en coñecer calquera proxecto que poida axudar ao desenvolvemento do que é, subliñou, un dos conxuntos naturais máis importantes de Galicia, declarado reserva da biosfera pola Unesco no ano 2013. Por este motivo, comprometeuse a estudar a posible participación da Consellería de Medio Ambiente nalgunha das iniciativas nas que traballa a entidade xestora para poñer en valor este espazo e os concellos que o integran.
Por outra banda, Santiso tamén informou á conselleira de que recentemente o Consorcio das Mariñas acordou traspasar á Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo toda a xestión do xeodestino turístico da comarca. Con esta decisión, que obedece, segundo explicou, á falta de competencias do consorcio para poder asumilo, búscase unificar a mensaxe turística e promover estratexias conxuntas nesta materia en todos os municipios da comarca.
Por último, a titular de Medio Ambiente aproveitou o encontro para informar aos representantes da Reserva da Biosfera de que onte mesmo o Consello da Xunta adoptou un acordo de gran importancia para o futuro da reserva da biosfera. Así, explicoulles que o seu departamento vai empezar a traballar nunha modificación do regulamento da Lei do Solo que, entre outras novidades, facilitará e simplificará a tramitación administrativa de proxectos neste espazo sen reducir o seu nivel de protección ao excluírse do solo rústico de especial protección de espazos naturais os ámbitos das reservas da biosfera.