Sábado 15 de decembro
18.30h. Casa da Cultura
Teatro de monicreques: “Circo galaico”
Chega a San Sadurniño un circo moi especial. É o Circo galaico de monicreques que nos trae a compañía Títeres Alakrán e, coma calquera circo, ofrecerá marabillosos números de habilidade, de humor e de música. Pola pequena pista da Casa da Cultura pasarán, entre outros, Xaquín, o xabaril forzudo; Corvus, o corvo equilibrista; Pedriño, o raposo que fai malabares con ovos; Rolín, o pallaso que agocha un segredo na cabeza… e, non podía faltar, a principal artista do elenco: a cabuxa Rivelina.
Trátase dun espectáculo ben entretido apto para toda a familia, aínda que quen gozará especialmente con el será a rapazada máis pequena. As entradas son gratuítas para menores de 18 anos, mentres que as de persoas adultas irán ao prezo de 5€.