Este sábado pola mañá a rapazada poderá desfrutar de obradoiros de xogos de mesa en galego no local situado na rúa Reconciliación
O programa Nadal en Rede chega a Ordes. Concretamente o 15 de decembro de 11 a 13 horas. Neste día o local social situado na rúa Reconciliación acollerá unha xornada de Obradoiros de xogos de mesa especialmente pensada para público familiar con nenos e nenas de 3 a 10 anos.
A dita actividade está organizada dende a Rede de Dinamización Lingüística (RDL), co obxectivo de promover o uso do galego no lecer destas datas festivas, ademais de galeguizar a súa celebración e os motivos típicos do Nadal. Quérese así fomentar a transmisión da lingua galega no ámbito familiar, ampliar as posibilidades de ocio nesta lingua e favorecer a súa aprendizaxe e o seu uso oral nun contexto lúdico.
No marco da actividade as persoas asistentes probarán distintos xogos do catálogo de Brazolinda e escollerán un deles para quedar na biblioteca, ludoteca ou centro sociocultural onde se desenvolva a actividade, de xeito que os nenos e nenas poidan volver xogar alí con el.
A dita actividade lévana a cabo a Rede de Dinamización Lingüística e a Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Ordes.