O encontro, con entrada libre, comezará ás 17.00h. na Casa da Xuventude de San Sadurniño
A Escola Galega de Consumo está desenvolvendo o programa CORES, co que persegue concienciar a cidadanía sobre cuestións tan importantes como a publicidade, o consumo responsable, as tecnoloxías da información e os dereitos e deberes que temos en relación con calquera compra ou servizo que solicitemos. O programa tamén ten unha parte sobre alimentación e o etiquetado dos produtos comestibles. Ese será o contido dun obradoiro que se impartirá o venres a partir das 17.00h. na Casa da Xuventude co obxectivo de axudarnos a saber o que levamos á boca e de que maneira repercute na nosa saúde e tamén na nosa economía.
Cando facemos a compra adoitamos deixarnos levar polos prezos ou ben pola confianza que nos merecen determinadas marcas. Porén, á hora de elixir un produto tamén é moi recomendable ler con detemento a súa etiqueta para sabermos a composición. Porque, ademais de irnos ao peto, unha compra acertada tamén nos vai na saúde.
É sabido que as graxas saturadas industriais teñen efecto na suba do colesterol “malo” e, en consecuencia, nunha mala circulación que pode desencadear embolias ou infartos. Tamén se sabe que os azucres refinados que leva practicamente todo en maior ou menor cantidade son prexudiciais para a saúde -diabete, obesidade, etc.-, e máis aínda se o seu consumo abusivo se xunta coa falla de exercicio.
Pero, claro, para caer na conta de todo isto hai que mirar esa “carta de presentación” do produto que é a súa etiqueta. Nela atoparemos información básica como os ingredientes, os alérxenos que poida conter, o peso neto -a cantidade de produto que pagamos, sen envase-, as instrucións de uso ou de preparación -se son necesarias-, as características físicas e o tratamento ao que foi sometido o produto -conxelado, concentrado, afumado, etc.-, o nome e enderezo (ou razón social) da empresa fabricante e a data de consumo preferente ou de caducidade.
Con todo, aínda cumprindo a normativa de etiquetaxe, danse casos en que se xoga cunha certa picaresca publicitaria ou, dito doutra maneira, onde se facilita información incompleta. O exemplo claro témolo cando lemos que un produto ten “aceite vexetal”. O primeiro que nos pasa pola cabeza é que, ao ser “vexetal”, é menos prexudicial para a nosa saúde que unha graxa de orixe animal, como pode ser a manteiga do leite. O detalle está en que, se cadra, ese “aceite vexetal” é en realidade un aceite de palma, considerado por numerosos estudos científicos como un dos máis prexudiciais tanto polo seu contido en ácidos graxos saturados “dos malos”, como polos contaminantes que forman parte da súa composición debido aos procesados.
Por sorte, a normativa europea é clara neste sentido e desde 2014 esixe que se detallen máis os ingredientes para contarmos cunha mellor coñecemento sobre o que comemos. E aínda así seguen pasándosenos cousas: confundimos un iogur de soia cun “postre” de soia; consideramos igual un “batido sabor chocolate” que un “batido de chocolate”; pensamos que é o mesmo un “zume de laranxa” que unha “bebida sabor laranxa” ou que un “zume a partir de concentrado de laranxa”; non reparamos en que os ingredientes se enumeran de maior a menor cantidade, co que podemos ver que nunha tableta de chocolate adoita haber máis azucre que chocolate, etc.
A charla da Escola Galega de Consumo que se desenvolverá este venres 14 a partir das 17.00h. na Casa da Xuventude abordará todos estes aspectos que debemos coñecer e observar antes de botar nada no carro da compra, ademais de falarnos doutras cuestións relacionadas coa responsabilidade social e ambiental que temos como consumidoras e consumidores.